Concerto homenaxe a Felicia

Actualizado 05/01/2015 00:00

museo de pontevedra

O Sexto Edificio será o escenario dun concerto homenaxe a Felicia Insuela, unha muller que soubo transmitir o seu coñecemento da música tradicional galega. Actuarán, ademais da propia Felicia, os grupos Maravallada e Queixume dos pinos. Será o venres 9 de xaneiro ás 20 h.

Felicia Insuela criouse na aldea de Fofe, no concello de Covelo. Estivo anos emigrada en Alemaña onde non esqueceu o xeito de tocar a cabaciña que herdou da súa avoa nin tampouco os romances e cantigas populares propias do mundo rural daquela. Actualmente sigue a transmitir todos estes saberes que atesourou durante a súa vida.

O grupo de música tradicional Maravallada creouse en maio de 2011 na cidade de Pontevedra, na actualidade ten oito compoñentes, cinco mulleres e tres homes. Os instrumentos predominantes no grupo son a voz, a gaita, o acordeón, as frautas, as pandeiretas, o pandeiro, as cunchas entre outros. Vén desenvolvendo o seu traballo en diversos eidos e basicamente en dúas frontes: a interpretación e recuperación de panxoliñas de Nadal e Reis e a recuperación dos cantares de taberna, dos que xa celebrou tres edicións dos Cantos de Taberna no concello de Pontevedra.

Dunha ampla canteira de centos de rapaces que compoñen a escola da agrupación Queixumes dos pinos, o grupo titular está formado por corenta mozos e mozas, músicos e bailaríns versátiles.

Os espectáculos de Queixumes dos pinos contan cunha grande riqueza visual grazas ós distintos vestiarios dos que fan gala, así como ós utensilios que empregan para enriquecer os bailes. Isto acompaña unha ampla variedade de melodías e ritmos tocados por gaitas, acordeón, guitarra e instrumentos de percusión tradicionais. Tamén as formacións de cantareiros e cantareiras da agrupación interpretan diversas cancións nas súas actuacións.

Queixumes dos pinos ten actuado por escenarios de toda Europa en festivais, auditorios e teatros. Isto bríndalle un amplo coñecemento internacional traducido mesmo en premios como o Nicholas Green.

A entrada ó concerto será libre ata completar aforo.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra