Terceira conferencia do ciclo arredor da exposición Diversa. Arqueoloxía dende o Incipit alén Europa

Actualizado 12/01/2015 12:00

museo de pontevedra

O xoves 15 de xaneiro, César Parcero Oubiña, científico titular do CSIC no Incipit, impartirá ás 20 horas no Sexto Edificio a conferencia Regando o deserto. Formas de vida e de produción no altiplano andino en época prehispana.

Nesta charla explicará as diferentes formas de vida e de produción agrícola na paisaxe desértica de Atacama (norte de Chile) durante os aproximadamente cinco séculos (XI-XVI) anteriores e contemporáneos á conquista incaica. César Parcero Oubiña forma parte do equipo que vén realizando dende 2010 un intenso traballo de investigación na zona no marco do proxecto "Paisaxes fortificadas e agrarias no altiplano andino" e co obxectivo de entender as formas de vida neste espazo extremadamente árido en épocas preincaica e incaica. Precisamente, como actividade paralela ao ciclo de conferencias, exhíbese no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra unha exposición fotográfica que inclúe imaxes do proxecto, realizado en do deserto de Atacama, o que permite apreciar como nunha zona tan árida e extrema, as pequenas comunidades desenvolveron unha notable capacidade para o cultivo.

César Parcero Oubiña (Santiago de Compostela, 1969) é licenciado en Xeografía e Historia (1992) e doutor en Historia (2001) pola Universidade de Santiago de Compostela. Dende o ano 2006 é científico titular do CSIC e desenvolve o seu labor no Incipit (Santiago de Compostela), centro de investigación creado polo CSIC en xaneiro de 2010 e onde se realiza investigación interdisciplinar en patrimonio cultural, tanto en España coma noutros países. As liñas de investigación de César Parcero Oubiña versan sobre a arqueoloxía da paisaxe, a análise das dinámicas socioculturais na prehistoria e a aplicación das tecnoloxías xeo-espaciais para a arqueoloxía e o patrimonio cultural.

A cuarta conferencia deste ciclo promovido polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e a Deputación de Pontevedra será o 22 de xaneiro. Estará a cargo de César González García, investigador de posdoutoramento Ramón y Cajal do CSIC no Incipit, e levará por título Orientatio ad Sidera: o ceo e as sociedades do Oriente Próximo antigo

Ver información sobre a exposición

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra