Ciclo de cine infantil 2015

Actualizado 16/01/2015 12:00

museo de pontevedra

O Museo de Pontevedra, en colaboración co CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe), pon en marcha un ciclo de cine infantil para este ano 2015. Durante os próximos catro meses proxectarase mensualmente unha película dirixida ó público infantil, cunha escolla dos títulos de máis éxito entre os máis pequenos.

As sesións terán lugar no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra (r/Padre Amoedo, 3) ás 17:00h, con entrada de balde ata completar aforo e previa retirada do tícket na recepción.

Nun momento en que as imaxes posúen un enorme protagonismo e nos aproximamos maioritariamente a elas mediante a televisión, a internet, os videoxogos, etcétera, o Museo de Pontevedra e o CGAI por medio dos ciclos júnior e infantil, propoñen outros camiños que poidan xerar novas emocións e o pracer de compartilas con outros espectadores na mesma sala: achegarnos ao cine no cine.

A través da diversidade da sétima arte, con filmes divertidos, serios ou emocionantes descubrimos momentos do cine, iniciámonos na lectura das imaxes, viaxamos por outros horizontes, divertímonos… e amamos o cine!

O sábado 24 de xaneiro comezará o ciclo coa proxección de:

WALL•E, Batallón de limpieza

Andrew Stanton, 2007

EUA, 99 min., versión castelá

* A partir de 5-6 anos

No século XXI, a Terra réxese pola corporación Buy n Large (BnL), causando unha produción excesiva de lixo que acaba cubrindo todo. Para resolver a situación os humanos trasládanse a luxosas naves espaciais mentres un exército de robots limpa o planeta. Pero o plan falla e os humanos establécense no espazo de maneira indefinida. Tras setecentos anos só un robot, WALL•E (Waste Allocation Load Lifter - Earth Class), continúa na Terra e logra desenvolver emocións e a súa propia personalidade: é moi curioso, romántico e séntese bastante só. Un día chega á Terra unha elegante robot exploradora chamada EVA de quen se namora ó instante. Cando EVA se decata de que, sen querer, WALL•E deu coa clave para o futuro do planeta, regresa ó espazo para comunicalo. WALL•E persegue a EVA pola galaxia comezando unha das aventuras máis enxeñosas, poéticas e emotivas do cine.

Óscar e Globo de Ouro á mellor película de animación, WALL•E está dirixida por Andrew Stanton autor de Bichos e Buscando a Nemo. Nesta película de Pixar onde non hai diálogos nos primeiros corenta e cinco minutos utilízase o son e os recursos cinematográficos no seu estado máis puro para recrear emocións e presentar uns personaxes-máquinas cheos de tenrura. Comparada coas obras de Chaplin e Buster Keaton son abundantes as referencias ós clásicos da ciencia-ficción como 2001: Una odisea del Espacio.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra