Última conferencia do ciclo Diversa. Arqueoloxía dende o Incipit alén Europa

Actualizado 20/01/2015 11:00

museo de pontevedra

Coa conferencia Orientatio ad Sidera: o ceo e as sociedades do Oriente Próximo antigo, que impartirá César González García, conclúe o xoves 22 de xaneiro ás 20 h no Sexto o ciclo de conferencias Diversa. Arqueoloxía dende o Incipit alén Europa, organizado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Deputación de Pontevedra, en paralelo a unha exposición fotográfica sobre os proxectos arqueolóxicos e etnoarqueológicos realizados polo Incipit en Guinea, Etiopía, Mongolia, Perú, Costa Rica e Uruguai.

O conferenciante, investigador de postdoutoramento Ramón e Cajal do CSIC no Incipit, centrarase no interese o longo da historia das sociedades de Oriente Próximo polos astros e as súas manifestacións.

Fará un percorrido dende o comezo da agricultura en Gobekli Tepe ata o cambio de era, mostrando como estas sociedades usaron o ceo para encontrar o seu lugar no mundo. En concreto, exploraranse tres momentos e sitios particulares: o imperio Hitita e a súa capital Hatusha, o cume do monte Nemrud no mausoleo do rei Antíoco, para rematar na Cidade Rosa do deserto: Petra, a capital dos Nabateos.

César González-García (Valladolid, 1973) é doutor en Astrofísica pola Universidade de Groningen (Países Baixos).

Desenvolveu unha activa liña de investigación no campo da arqueoastronomía e a astronomía na cultura. En concreto, estudou a conexión con eventos celestes do fenómeno megalítico en Europa, se ben nos últimos anos se centrou en estudos sobre a astronomía na cultura dos pobos do Mediterráneo antigo.

Dende 2012 desenvolve o seu labor en Galicia, como investigador contratado Ramón e Cajal no Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit).

A conferencia diríxese ó público xeral e a entrada é libre ata completar o aforo.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra