Julio Cortázar será o protagonista da primeira sesión do ano do ciclo En paralelo

Actualizado 23/01/2015 11:00

museo de pontevedra

O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá o vindeiro 28 de xaneiro ás 20 h, unha xornada organizada pola Deputación en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, na que se fará un achegamento ó universo galego do escritor Julio Cortázar, de quen se ven de celebrar o centenario do seu nacemento.

Constará da presentación do libro O soño galego de Julio Cortázar, que se completará coa proxección dun documental sobre o escritor e unha charla coloquio. No acto intervirán Anxo M. Lorenzo Suárez, secretario xeral de Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, deputada provincial de Cultura de Pontevedra, Francisco Fernández Naval, escritor e autor do libro e Juan de la Colina, director do documental Cortázar Galicia.

Julio Cortázar (Bruxelas, 1914-París, 1984) mantivo con Galicia unha vinculación permanente a través do círculo de persoas que azarosamente foi introducindo no seu percorrido vital. Os encontros con exiliados galeguistas na Arxentina, como Luís Seoane, Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela ou Rafael Dieste, propiciarán as súas primeiras publicacións nas revistas Cabalgata e El Correo Literario. Producirase despois a providencial aparición de Paco Porrúa, que se converterá no seu editor, e do seu amigo e escritor Francisco Luis Bernárdez. Pero será o seu matrimonio con Aurora Bernárdez, filla de emigrantes galegos, o que o introduza nun maior coñecemento da nosa cultura e con quen coñeza o propio país, nas dúas viaxes que realizan xuntos nos anos 1956 e 1957. A súa estreita relación co artista Leopoldo Novoa, xa nos anos setenta en París, pechará este círculo no que a nosa terra se sitúa como unha constante presenza no universo do escritor.

O soño galego de Julio Cortázar, por Francisco X. Fernández Naval

Na primeira viaxe de Cortázar a Galicia, escríbelle unha carta ó pintor Eduardo Jonquiéres, na que expresa a fascinación que sentiu polas paisaxes e polas xentes de Galicia e manifesta o desexo ou o soño de, en canto teña un deux chevaux, vir con Aurora a Redondela e pasar un tempo pescando, paseando e herborizando como Russeau. Ese desexo explica o título do libro de Francisco X. Fernández Naval, O soño galego de Julio Cortázar (editado por Linteo co patrocinio da Xunta de Galicia), que serve de fío a un relatorio que nos achegará a relación profunda e ampla do escritor arxentino con Galicia.

Proxección do audiovisual Cortázar Galicia

As cartas e outros textos sobre estas viaxes que Julio Cortázar fixo a Galicia son a base desta peza documental que percorre os lugares que visitou, a través dun xogo de interpretación libre e poética entre pasado e presente. Para iso, apóiase en documentación facilitada polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) —depositario dos fondos fotográficos e fílmicos de Julio Cortázar—, a Fundación Juan March e a Fundación Luís Seoane.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra