Alex Vázquez. Acariñando o ceo

Actualizado 27/01/2015 00:00

museo de pontevedra

Esta mostra, comisariada por Amelia Palacios, poderá verse no Sexto Edificio do 30 de xaneiro ó 1 de marzo. Nela faise un percorrido por toda a obra de Alex Vázquez a xeito de exposición antolóxica. Antón Castro defínea como o “resultado da súa exclusiva mirada emocional á hora de interpretar a natureza como unha construción cultural, humanizada xa como paisaxe”. Unha busca incansable da beleza no entorno natural e cunha mensaxe sentida subliñada pola súa filla e comisaria: “a súa pintura invítanos a soñar”.

Álex Vázquez - Palacios Gómez (Vigo, 1946) nace no seo dunha familia relevante no panorama artístico galego onde, dende moi temperá idade, mostra claras aptitudes cara ó mundo da cultura e a arte. O seu pai, Isidro Vázquez Palacios, pioneiro da actividade creativa a nivel publicitario dentro de Galicia, e o seu tío, Antonio Palacios Ramilo, afamado arquitecto porriñés, estimularon en Álex a profunda vocación artística.

En paralelo vai trazando a súa traxectoria pictórica partindo do realismo dos seus comezos e queimando distintas etapas con notable valentía: figura, retrato, mariñas, paisaxe urbana, ata o informalismo das súas actuais creacións.

Álex Vázquez conta cunha ampla traxectoria. O seu innegable talento abriulle as portas de moi distintas galerías e centros de prestixio en España e Portugal, onde a súa obra se vén expoñendo con regularidade. Cabe destacar tamén as súas importantes achegas ó campo do deseño gráfico e conceptual.

Visitas guiadas

Todos os sábados ás 19 h. Non se require inscrición previa.

Obradoiros impartidos por Alex Vázquez

Os sábados 21 e 28 de febreiro, o pintor levará a cabo dous obradoiros de pintura dirixido ós máis pequenos ós que lles achegará a súa técnica artística.

Os obradoiros terán lugar na sala na que se exhibe a mostra no Sexto Edificio, onde os pequenos pintores poderán observar as paisaxes cheas de cor de Alex Vázquez e pintar a súa propia obra diante do cadro elixido. Unha experiencia e mestre únicos para comezar a pintar!

Para asistir será preciso inscribirse previamente na secretaría do Museo: teléfono 986 804 100 ext.: 42436, secretaria.museo@depo.es. O número de prazas está limitado a 10 en cada sesión.

Días: sábados 21 e 28 de febreiro

Horario: de 11:00 a 13:00 h

Idade: nenos e nenas de 7 a 12 anos

Lugar: sala de exposicións temporais do Sexto Edificio

Prazas: 10 participantes cada sesión

O material será facilitado no Museo.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra