Obradoiros de arquitectura para nenos e nenas

Actualizado 27/01/2015 11:00

museo de pontevedra

O Museo de Pontevedra organiza dous obradoiros de arquitectura para nenos e nenas este mes de febreiro, nos que os máis pequenos poderán familiarizarse coa linguaxe e o mundo das construcións dun xeito lúdico e didáctico.

Serán impartidos por Taller Abierto e as inscricións realizaranse na Secretaría do Museo: teléfono 986 804 100 ext.: 42436, ata completar o número de prazas, limitado a 15 cada sesión.

OBRADOIRO ARQUITECTURAS DO MUNDO

Día: sábado 7 de febreiro

Horario: de 11 a 13 h

Público: nenos e nenas de 4 a 7 anos

Prazas: 15 participantes

Unha mañá divertida no museo coñecendo arquitecturas do mundo. Un relato visual dos más curiosos refuxios animais e humanos, para descubrir os trazos elementais de arquitecturas remotas e achegadas.

O planeta Terra é o refuxio de todos os seres vivos que a habitan. A adaptación das especies permitiu a súa supervivencia en distintos hábitats. O home albérgase baixo unha árbore, tras un talude, no interior dunha gruta... A casa é o refuxio humano por excelencia, e dentro desta hai sub-refuxios como a cama que nos abriga para durmir.

Estrutura da sesión:

-Actividade 1. Exposición visual con diálogo aberto.

-Actividade 2.Dinámica de asociación arquitectura-lugar.

-Actividade 3. Estrutura xeométrica de barras e nós.

-Actividade 4. Construción en equipo dun refuxio.

OBRADOIRO COÑECE A TÚA CIDADE

Día: sábado 14 de febreiro

Horario: de 11 a 13 h

Público: nenos e nenas de 8 a 12 anos

Prazas: 15 participantes

Unha sesión para coñecer a forma urbana da nosa cidade.

Partindo dun documento (o plano da cidade) analizaremos a morfoloxía de Pontevedra conectando as dúas e as tres dimensións. Coñeceremos, de forma divertida, conceptos urbanísticos como tamaño e escala, situación e emprazamento, cheo e baleiro. Analizaremos os diferentes tecidos que configuran a trama urbana e tamén buscaremos no plano pistas do pasado. Unha viaxe polo espazo e o tempo.

Estrutura da sesión:

-Actividade 1. Exposición visual con diálogo aberto.

-Actividade 2. Saída ó exterior do Sexto Edificio.

-Actividade 3. Construción en equipo da maqueta dunha cidade.

Dispoñerán do material necesario no propio espazo dos obradoiros no Museo.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra