Teatro no Museo

Actualizado 29/01/2015 00:00

museo de pontevedra

A Deputación e o Museo de Pontevedra poñen en marcha un novo ciclo de Teatro no Museo. Abrirase o vindeiro día 7, ás 20h, no salón de actos do Sexto Edificio e prolongarase durante o primeiro semestre do ano cunha función mensual.

Este ciclo ten como obxectivo principal achegar o teatro a todos os públicos, cun amplo abano de idade e temática, e abrir o espazo do Museo a todas as compañías e asociacións de teatro afeccionado da provincia.

A entrada é de balde ata completar o aforo, pero, a causa da grande acollida que tivo a pasada edición, para asistir será necesario retirar previamente o billete na recepción do Museo. Estarán dispoñibles sempre a partir da propia semana da función.

A compañía encargada desta primeira sesión será Teatro da Zarabándula (Cuntis, Pontevedra), que presentará a obra Entre nós, mulleres, dirixida por Toño Pena e coa interpretación de Chelo do Rejo e Chus Picallo.

SINOPSE:

Laura e Leonor son dúas mulleres que viven na mesma cidade e que non se coñecen. As súas vidas, os seus traballos, os seus mundos son moi diferentes. Nada teñen que ver unha coa outra. Ou iso parece.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra