Marta Quintana presenta no Sexto Edificio o disco Lus

Actualizado 09/02/2015 00:00

museo de pontevedra

Marta Quintana presentará xunto a Cuchús Pimentel no Museo de Pontevedra o seu novo traballo, Lus, cun total de 11 temas do poeta galego Xosé Mª Díaz Castro da súa obra Nimbos. Será o sábado 14 de febreiro, ás 20h.

As composicións musicais son de Marta Quintana, os arranxos de Cuchús Pimentel e a masterización correu a cargo de René Molinos. Trátase dunha obra de auto edición e auto produción distribuída por Inquedanzas Sonoras, que agora presentan no Museo nun concerto no que colaboran a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O disco naceu a partir de que Marta Quintana descubre ó poeta Díaz Castro polo seu recoñecemento nas Letras Galegas. Os poemas nas mans de Marta tomaron unha nova vida musical, e, como un amor de nai que medra día a día, foron conformando as cancións na súa mente ata topar coa calor que precisaba en Cuchús Pimentel, quen fixo coas súas guitarras o berce perfecto para este traballo cargado de forza viva.

Os poemas que a inspiraron para compoñer estas fermosas cancións están cheos de forza e de reivindicacións, poderían ser feitas xusto hoxe, nesta mesma mañá, por ser totalmente atemporais. Neles, o autor reivindica a falta de beleza, a falta de verdade, a falta de traballo cualificado e o abandono dos pobos.... Poemas que teñen que ver coa forza da terra e o seu recoñecemento como nai, e remarca a idiosincrasia galega a través da súa paisaxe e autenticidade. Dende a perspectiva de Marta, nestes versos, poderíase entrever un símil do marcado papel da muller na nosa sociedade.

Marta Quintana

Nada en Mos e viguesa de adopción, formouse como arpista na Emao, agora e_trad (Escola Municipal de Música Folk e Tradicional) de Vigo. Foi membro do Orfeón Terra A Nosa, do Coro Universitario da USC e de Camerata ad Libitum, actualmente canta no Coro da Rá, en Compostela.

Formou parte do dúo Sete Saias co que realizou un traballo discográfico (2006).

No ano 2011 autoedita e produce Amable e representa a España no Festival Mundial de Arpa de Paraguai, e no 2014 Marta compón, produce e edita Lus.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra