Ciclo de cine infantil 2015

Actualizado 12/02/2015 00:00

museo de pontevedra

O Museo de Pontevedra, en colaboración co CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe), puxo en marcha un ciclo de cine infantil para este ano 2015, no que se proxectará unha escolma de películas dirixidas ó público infantil dos títulos de máis éxito entre os máis pequenos.

As sesións terán lugar no salón de actos do Sexto Edificio do Museo (r/Padre Amoedo, 3) ás 17:00h, con entrada de balde ata completar aforo e previa retirada do billete na recepción.

A segunda película do ciclo é:

Mi vecino Totoro (Tonari no Totoro)

Hayao Miyazaki, 1988

Xapón, 86 min., versión castelá

*A partir de 4 anos

Mei e Satsuki son dúas irmás que se mudan con seu pai a vivir a unha cabana no campo. Un día, por casualidade, a máis pequena descobre a existencia dos totoros: espíritos gardiáns do bosque que soamente os nenos de corazón puro son capaces de ver. Xunto a estas entrañables criaturas e o gatobús, Mei e a súa irmá descubrirán o verdadeiro valor da amizade, do amor e da familia nunha marabillosa e inesquecible aventura que as levará máis alá da súa imaxinación.

É a terceira película de Hayao Miyazaki realizada no estudio Ghibli que se estreou en 1988 en Xapón e rapidamente se converteu nun auténtico fenómeno cultural. Considerada pola crítica como obra mestra é frecuente atopala encabezando as listaxes das mellores películas de animación.

En Mi vecino Totoro podemos atopar xa varios dos temas sobre os que Miyazaki volverá unha e outra vez en películas posteriores xa programadas nesta sección como son o valor da infancia e da inocencia e a importancia da harmonía coa natureza, sempre baixo o prisma da imaxinación e a fantasía.

Nun momento en que as imaxes posúen un enorme protagonismo e nos aproximamos maioritariamente a elas mediante a televisión, a internet, os videoxogos, etcétera, o Museo de Pontevedra e o CGAI por medio dos ciclos júnior e infantil, propoñen outros camiños que poidan xerar novas emocións e o pracer de compartilas con outros espectadores na mesma sala: achegarnos ó cine no cine.

A través da diversidade da sétima arte, con filmes divertidos, serios ou emocionantes descubrimos momentos do cine, iniciámonos na lectura das imaxes, viaxamos por outros horizontes, divertímonos… e amamos o cine!

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra