En paralelo: Noites de literatura e cine

Actualizado 13/02/2015 00:00

museo de pontevedra

Manuel Álvarez Torneiro, Premio Nacional de Poesía 2013, será o protagonista da sesión do venres 20 de febreiro do ciclo En paralelo. O poeta fará ás 20 h no Sexto un percorrido pola súa obra, unha poesía entre a utopía e a memoria.

Esta sesión completarase o mércores 25 á mesma hora coa proxección do filme El cartero (y Pablo Neruda), que seleccionou o escritor. Trátase dunha película italiana dirixida en 1994 por Michael Radford e protagonizada por Philippe Noiret, Massimo Troisi e Maria Grazia Cucinotta, baseada na novela Ardiente paciencia de Antonio Skármeta.

O escritor será presentado polo artista Celso Varela, autor do retrato que aquí mostramos, ó que lle une unha amizade.

Retrato de Manuel Álvarez Torneiro realizado por Celso Varela e poesía do escritor dedicada ó artista (premer na imaxe para ampliala)

Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932) traballou durante moitos anos no eido do xornalismo, vinculado ó xornal La Voz de Galicia.

Con cincuenta anos editou o seu primeiro libro Memoria dun silencio (1982) e desde entón mantivo una actividade poética ininterrompida.

A súa traxectoria inclúe os títulos Rigorosamente humano (1995, Premio Esquío); Luz de facer memoria (1999, Premio González Garcés e Premio de la Crítica); Campo segado (2001); Epicentro (2003); Setembro Stradivarius (2004);Parábola do incrédulo (2006) e Os ángulos da brasa (2012, Premio da Crítica Española, Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores e Premio de Poesía da Asociación de Escritores en Lingua Galega).

Onde nunca é mañá, publicada por Kalandraka é a súa última publicación.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra