Cine recuperado. Os irmáns Barreiro. Pontevedra 1932-1934

Actualizado 20/02/2015 00:00

museo de pontevedra

O xoves 26 de febreiro o Museo acollerá a presentación de dúas proxeccións da autoría dos irmáns Barreiro e recuperadas grazas ó labor de restauración do CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe).

O acto, que terá lugar no Sexto Edificio ás 20 horas, contará cunha pequena presentación do traballo dos irmáns Barreiro e a proxección de Noticiario Folk 1932 ou Noticiario nº 1 e Visita do Presidente da República a Pontevedra.

A primeira é unha peza muda a cargo de Ramón Barreiro que inclúe, entre outras, as seguintes novas: “El presidente del Consejo y el Ministro de la Gobernación en Galicia”, “La elección de Miss Galicia en Vigo”, “Atletismo en Pontevedra”, “Desfile de atletas en la Plaza de Toros” ou “Actualidad política en Pontevedra y Monasterio de Armenteira”.

Pola súa parte, a Visita do Presidente da República a Pontevedra é o primeiro documento sonoro do cine galego que vén de cumprir 80 anos da súa rodaxe, a cargo da produtora pontevedresa Folk de Enrique Barreiro. A gravación recolle a visita que realizou a varias localidades das Rías Baixas o por aquel entón Presidente da Segunda República, Niceto Alcalá Zamora.

Ramón Barreiro (1906-1981), singular fotógrafo, novelista, poeta, xornalista, home de radio, cineasta e realizador de TVE, é firmante de varios, en palabras do historiador e catedrático José Luis Castro de Paz, “excéntricos, anarquizantes e informais” filmes na década dos 40 do século pasado. Obra súa son: El otro Fu-Man-Chú (1946), El pirata Bocanegra (1946-49), Póker de Ases (1947) e Pototo, Boliche y compañía (1948). En 2010 o CGAI presentou a súa publicación Ramón Barreiro. Humor, parodia e modernidade, editada polos profesores José Luis Castro de Paz e Xaime Fandiño, coa proxección engadida de El sobrino de Don Búfalo Bill (1944).

Juan Enrique Barreiro Vázquez (1899-1983) herda de seu pai Ramón Barreiro a inquietude pola fotografía, foi cineasta e inventor, pioneiro da cinematografía en color e creador en 1925 da película Pontevedra, cuna de Colón, realizada cun sistema inventado por el mesmo. En 1931 constitúe a Revista cinematográfica baixo a denominación FOLK, da mesma época é a creación da editora do Noticiario Gallego.

Na presentación está prevista a intervención de: Ana Isabel Vázquez, deputada de Cultura, Jacobo Sutil Nesta, director do AGADIC, Guillermo Escrigas, director do CGAI, José Luis Castro de Paz, profesor da Universidade de Santiago e Enrique Barreiro, arquitecto e fillo de Enrique Barreiro.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra