Ciclo de cine infantil no Museo

Actualizado 13/03/2015 00:00

museo de pontevedra

O sábado 21 ás 17 h terá lugar no salón de actos do Sexto Edificio a proxección de Kirikú y las bestias salvajes, a terceira película do ciclo de cine infantil 2015 organizada polo Museo e o CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe). É apropiada para nenos e nenas a partir de 4 anos.

A entrada é de balde ata completar aforo pero precísase retirar previamente o billete na recepción.

Kirikú y las bestias salvajes

Michel Ocelot, Bénédicte Galup 2005

(Francia, 75 min.)

Segunda entrega das aventuras de Kirikú, especie de “garavanciño” nunha aldea africana e que logrou entusiasmar a nenos de todo o mundo coas súas aventuras.

Presentada no Festival de Cannes 2005 e con música de Manu Dibango e Youssou N’Dour, a historia nárrase como os tradicionais contos africanos transmitidos de modo oral onde o avó, desde a gruta azul, nos conta como Kirikú se converte en xardineiro, detective, oleiro, comerciante, viaxeiro e médico e como o máis novo e valente dos heroes terá que buscar no seu interior para encontrar o valor, a astucia e a xenerosidade necesarias para triunfar sobre o mal. A través de vellas fábulas e con gran sinxeleza a película fálanos de valores como o amor, a amizade, a tradición e o respecto polo medio ambiente e as persoas e seres que o enriquecen.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra