Faustino Santalices. Tradición musical galega

Actualizado 18/03/2015 00:00

museo de pontevedra

Esta mostra, que se pode visitar no Edificio Sarmiento do Museo ata o 12 de abril, pretende aproximar ó espectador a excepcional personalidade de Faustino Santalices, as súas investigacións e creacións, a súa dimensión como artesán, luthier e científico, e a súa relevancia como extraordinario divulgador da nosa tradición musical.

Faustino Santalices Pérez (Bande 1877-Madrid 1960) é unha das figuras centrais da música galega, piar fundamental para coñecela e comprendela: investigador, divulgador, artesán e intérprete de prestixio, podémolo considerar con toda xustiza o artista total. Foi un home de vastísimos coñecementos, que dende moi novo embebeuse en todo tipo de saberes artesanais nas carpinterías e fraguas de Ourense —era amigo dos bos traballadores, como el mesmo se denominaba—. Ó mesmo tempo, por mor da súa posición como Secretario de Gobernación, pertenceu a unha elite social e intelectual que dende unha óptica rexeneracionista revitalizou a música galega.

Os instrumentos, pezas e unha parte substancial da documentación desta exposición foron xenerosamente cedidos polo seu fillo Faustino Santalices Muñiz e familia, quen non só conservou íntegro e reuniu para a posteridade todo o arquivo documental e musical, o torno e as ferramentas de artesanía e máis a colección de instrumentos do seu pai, senón que, sobre todo, foi a súa memoria viva e presente, plenamente consciente do valor e transcendencia que ten o excepcional legado de Faustino Santalices para a cultura galega.

VISITAS GUIADAS

Haberá visitas guiadas os venres 27 de marzo e 10 de abril ás 19 h, sen inscrición previa.

VISITA DIDÁCTICA A gaita e a zanfoña según Santalices

O sábado 11 de abril ás 12 h os comisarios da exposición, Cástor e Félix Castro, realizarán unha visita didáctica na que incluirán pequenas intervencións musicais para explicar o estilo de toque pechado de Santalices, con instrumentos orixinais seus.

Será para todos os públicos e sen inscrición.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra