En paralelo: Noites de literatura e cine

Actualizado 19/03/2015 00:00

museo de pontevedra

Xurxo Souto intervirá este xoves 26 de marzo no ciclo En paralelo cunha charla - concerto baixo o título Océano para terrícolas (Contos do mar de Irlanda). Será ás 20 horas no Sexto Edificio con entrada libre ata completar aforo.

Xurxo Souto (A Coruña 1966) é licenciado en Filoloxía Clásica, actor, locutor e director de radio, músico e escritor.

Dende 1986 traballa en diferentes medios de comunicación.

Terrícolo redondo, co seu método de ruta —preguntar moito, sen insistir demasiado— ó longo dos anos foise achegando por diferentes camiños ás cousas do mar. En 1999 publicou a novela O Retorno dos Homes Mariños, onde recupera o mito dos homes-peixe das ondas do Orzán. Ese mesmo ano edita cos Diplomáticos de Monte-Alto o disco Capetón, dedicado á epopea dos galegos por todos os océanos do mundo. Foi director do programa Mil Ribeiras (Radio Galega, 2006-2007). E agora, cos Contos do mar de Irlanda, achéganos a un dos predios máis vizosos da cidade-atlántica: os salsieiros rabudos da auga do Gran Sol.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra