A Confraría do Corpo Santo e o Gremio de Mareantes

Actualizado 24/03/2015 00:00

museo de pontevedra

Esta exposición formada por reproducións de fotografías, debuxos, documentos e outros obxectos, tentará dar a coñecer a gran importancia que tiveron desde a Idade Media os mareantes pontevedreses organizados na maior agrupación mariñeira da ría.

Pódese visitar no Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, de luns a venres de 10 a 14 h, a partir da súa apertura o venres, 27 de marzo, ás 20 h.

O burgo de Pontevedra foi doado en 1180 por Fernando II á igrexa compostelá que pasou a xestionar os recursos da vila, incluída a pesca, delegando esta cuestión nos Vigairos dos Mareantes do arrabalde da Cofradía do Corpo Santo que agrupaba ós mariñeiros da Moureira, responsables da prosperidade comercial da vila motivada pola pesca da sardiña.

A través de varios documentos reais e arcebispais a agrupación foi adquirindo dereitos e privilexios como a exclusividade para exercer actividades pesqueiras ou a exención de obrigacións civís.

Os seus dominios estendíanse desde Aguiño (Ribeira) ata as Illas Estelas (Baiona), e neles impuña as artes e as embarcacións que se empregaban nas rías e tamén se encargaban da comercialización dos seus lotes, previa salgadura e envasado da sardiña, que pescaban coa arte do cerco.

Os ingresos que lle proporcionaban as actividades económicas permitíronlle acometer importantes empresas, como a construción da Basílica de Santa María que foi á vez templo e casa gremial, e importantes obras sociais como a asistencia sanitaria.

A relixiosidade estivo sempre moi presente no gremio e na confraría creando tradicións e costumes que aínda perviven nos nosos días. Por iso resáltase nesta exposición a súa participación nas procesións eucarísticas, o Corpus Cristi, o Chucurruchú e o Viático ós enfermos da Moureira e San Roque.

O papel do Gremio de Mareantes na procesión do Corpus pontevedrés foi sempre moi destacado e nela procesionan varias pezas de ourivaría que pertencen á súa colección, algunhas delas poderanse ver na exposición como os cetros do Santísimo e o do Teucro.

VISITAS GUIADAS

Haberá visitas guiadas os días 8, 9 e 10 de abril, ás 13 horas, con entrada libre e sen inscrición.

Sala de exposicións do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico (r/ Padre Amoedo, 1)

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra