En paralelo: Noites de literatura e cine

Actualizado 07/04/2015 00:00

museo de pontevedra

Rosa Aneiros será a convidada ó ciclo En paralelo no Museo de Pontevedra, o venres 10 de abril, cunha presentación que leva por título “Escribir nas pautas torcidas do aire (porque a caligrafía consiste na ilusión de que non nos torcemos)”. Terá lugar ás 20 horas no salón de actos do Sexto Edificio.

A autora aproximaranos á literatura infantil, non tanto no papel de escritora senón como no de lectora, para lembrarnos a necesidade de que as persoas adultas se apropien desa outra literatura da que aprenden moito máis do que cren, como ela mesma afirma “sen prexuízos nin condescendencias”.

Rosa Aneiros (Meirás - Valdoviño, 1976) é xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega, ademais de colaborar habitualmente en distintos medios de comunicación. En 1999 presentou a súa primeira novela, Eu de maior quero ser á que seguiron Corazóns amolecidos en salitre (2002), Resistencia (2003), O xardín da media lúa (2004), Veu visitarme o mar (2004), Ás de bolboreta (2009), Sol de Inverno (2009), Ámote Leo A. Destino xalundes (2013) e Ámote Leo A. Estación de tránsito (2014) .

Esta edición completarase o mércores 15 de abril, tamén ás 20 horas, coa proxección da película Donde viven los monstruos, dirixida por Spike Jonze en 2009.

Esta tenra adaptación dun conto para nenos de Maurice Sendak, conta a historia de Max, un neno traste que se mergulla nun mundo imaxinario creado por el e que está poboado por feroces criaturas que lle obedecen cegamente. Filme para todos os públicos.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra