Germán Díaz. Método Cardiofónico

Actualizado 14/04/2015 00:00

museo de pontevedra

O zanfonista Germán Díaz presentará o seu Método Cardiofónico no concerto que se celebrará o sábado 18 de abril, ás 20 horas, no Sexto Edificio. Esta é unha das actividades enmarcadas dentro da homenaxe a Filgueira Valverde, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2015.

O novo espectáculo musical de Germán Díaz está baseado nos ritmos de latexos do corazón que o doutor Iriarte gravou nos anos corenta e editou en placas de lousa co nome de Método Cardiofónico

Tomando como base estes latidos, crea un universo sonoro único cos instrumentos mecánicos que emprega e que len os cartóns perforados nos que Díaz escribe as melodías. O playasax, a rolmónica cromática, o órgano de barbaría e a caixa de música, únense á manivela da zanfona e á gravación de loops en directo para camiñar entre a improvisación e a rixidez dos cartóns perforados.

Germán Díaz naceu en 1978 en Valladolid, onde realiza estudos de guitarra clásica e Filoloxía Clásica así como o Curso de Posgrao "Especialista Universitario en Estudos sobre a Tradición". Estuda zanfona con Rafael Martín, Pascal Lefeuvre e outros moitos nomes de referencia internacional.

Actuou por todo o mundo en prestixiosas salas e festivais e colaborou con numerosas formacións e intérpretes, como Rao Trío, Uxía, María Salgado, Joaquín Saura, Paolo Angeli... Único zanfonista do estado que pertenceu á mítica Viellistic Orchestra, Orquestra de zanfonas asentada en Francia cos mellores instrumentistas do mundo, e cofundador do Symphonía Quartet, cuarteto ibérico de zanfonas, xunto a Rafael Martín, Marc Egea e Pascal Lefeuvre.

En 1999 foi galardoado co premio Racimo de Oro polo seu labor de recompilación e difusión da música tradicional. En 2004 creou a súa propia discográfica, Producciones Efímeras, xunto a Fernando Fuentes. En 2009 foi elixido pola Embaixada Española para representar a España no prestixioso European Jazz Nights, en Oslo.

O seu disco Músicas populares de la Guerra Civil foi elixido como o segundo mellor do ano 2009 por Cadernos de Jazz, e mellor disco internacional pola veterana revista xaponesa Jazz Tokyo.

Benxamín Otero (óboe). É profesor de Óboe no Conservatorio Profesional de Música de Lalín (Pontevedra). Continúa a súa formación especializándose en Óboe e Corno Inglés no Conservatorio Superior de Santiago de Compostela, conseguindo o título de Profesor Superior en 2001. Asiste a cursos diversos con Fermín Feijoo, Marcos Galán, Casey Hill, Ismael Baquero, etc. Realiza cursos de outras especialidades como Dirección de Orquestra, Instrumentación e Orquestración, Análise Musical, Análise de Música Tradicional e o Traballo de Recollida, impartido por Dorothé Schubarth.

Destaca a súa actividade en agrupacións de diversa índole: grupos de cámara, orquestras, bandas de música, grupos folks, teatro... Compuxo a banda sonora de varios publi-reportaxes, curtametraxes e documentais.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra