Ciclo de cine infantil no Museo

Actualizado 15/04/2015 00:00

museo de pontevedra

O sábado 18 ás 17 h terá lugar no salón de actos do Sexto Edificio a proxección de El mago de Oz , a cuarta película do ciclo de cine infantil 2015 organizada polo Museo e o CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe). É un filme apropiado para nenos e nenas a partir de 6-7 anos.

A entrada é de balde ata completar aforo pero precísase retirar previamente o billete na recepción.

El mago de Oz - The Wizard of Oz

Victor Fleming, 1939

(EUA, 102 min., versión castelá)

Dorothy vive nunha granxa de Arkansas cos seus tíos e o seu can Toto. Un problema coa desagradable veciña Miss Gulch fai que Dorothy fuxa con Toto cara a un mundo máis feliz “en algures sobre o arco iris”. Axiña arrepíntese e decide regresar ao fogar cando se ve sorprendida por un tornado que a transporta a un mundo cheo de cor, Munchkinland, onde a reciben moi ben xa que accidentalmente acaba coa Bruxa do Leste. Dorothy quere regresar á súa casa e para iso terá que viaxar ata a Cidade de Esmeralda onde vive o Mago de Oz, o único que coñece o camiño de regreso ao fogar. No percorrido, sempre ameazado pola bruxa do Oeste, encóntrase cun espantallo desexoso dun cerebro co que poder pensar, un home de lata que necesita un corazón e un asustadizo león en busca de valor. Os tres deciden acompañar a Dorothy coa esperanza de obter o seu soño.

Esta adaptación do libro infantil de L. Frank Baum é un dos grandes musicais da historia do cine capaz de cativar a públicos de calquera idade xeración tras xeración con cancións tan populares como Over the rainbow (gañadora do Óscar), Follow the yellow brick road, We welcome you to Munchkinland ou We're off to see the wizard. Aclamada como “a mellor película familiar de todos os tempos” polo Instituto Cinematográfico Americano está dirixida por Víctor Fleming (cunha secuencia inicial, a do tornado, rodada por King Vidor) e protagonizada por Judy Garland, que recibiu un Óscar especial á mellor actriz xuvenil.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra