Alonso Montero presenta un libro sobre Filgueira Valverde

Actualizado 17/04/2015 00:00

museo de pontevedra

O martes 21 de abril, ás 20 horas no Sexto Edificio, terá lugar a presentación do libro Xosé Filgueira Valverde. O intelectual, o galeguista, o profesor, o investigador que Xesús Alonso Montero acaba de publicar na editorial Ir Indo.

Na presentación acompañarán ó autor a deputada de Cultura, Ana Isabel Vázquez, e Bieito Ledo, director de Ir Indo edicións.

A inxente e rica bibliografía de Xosé Filgueira Valverde constitúe un dos grandes capítulos da cultura galega da Galicia moderna. O profesor e investigador pontevedrés (1906-1996) está considerado, falecido Otero Pedrayo (1976), como o noso último polígrafo. En efecto, fixo achegas substanciais en non poucas pólas do saber humanístico: Historia, Arte, Arqueoloxía, Bibliografía, Folclore literario e musical, Epigrafía… Foi a literatura a súa grande e fecunda especialidade, nomeadamente o estudo da nosa lírica medieval. Filgueira Valverde, erudito precoz, polifacético e sabio, é autor de títulos non desdeñables no eido da creación (narrativa, teatro, poesía).

No presente volume, o profesor Xesús Alonso Montero, admirador do labor literario e docente de Filgueira Valverde, ofrécenos, en parte, un resumo do seu recente libro publicado por Xerais (Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual), que presentaremos no Museo a vindeira semana. Nun e noutro volume, o autor non elude o labor de Filgueira – na vida e na obra – condicionado pola traxedia do 36. Por outra parte, o presente libro contén un rico material iconográfico, proporcionado, en boa medida, por D. Fernando Filgueira Iglesias, custodio agarimoso da memoria de seu pai.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra