Exposición Xosé Filgueira Valverde. Un faro na construción de Galicia

Actualizado 21/04/2015 00:00

museo de pontevedra

Esta mostra céntrase na vida e na obra de Xosé Filgueira Valverde, unha das figuras máis sobresalientes do seu tempo en Galicia e mesmo en España.

Está organizada pola Deputación de Pontevedra, a través do Museo, e a Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Home de vasta formación, Xosé Filgueira significouse pola diversidade dos seus intereses intelectuais e a multiplicidade das actividades e iniciativas —docentes, académicas, culturais ou políticas— que puxo en marcha e impulsou.

A exposición estrutúrase en quince capítulos onde se van presentando as diferentes etapas da súa vida, en función do seu lugar de residencia, a súa vinculación co Seminario de Estudos Galegos, o seu papel como promotor e defensor do uso do galego, o seu compromiso co galeguismo, o seu labor no Instituto de Pontevedra e na creación do Museo, os cargos de natureza política que desempeñou como alcalde da súa cidade, conselleiro de Cultura e presidente do Consello da Cultura Galega, as súas facetas como creador literario, estudoso da literatura e de múltiples saberes.

Xosé Carlos Valle Pérez, director do Museo, é o comisario da mostra que se poderá visitar no Sexto Edificio desde a súa apertura ó público o venres 24 de abril ás 13:30 h.



VISITAS GUIADAS

Haberá visitas guiadas os sábados ás 19 h dirixidas a todas as persoas que queiran participar. Non se precisa inscrición.

GRUPOS

Os escolares e todos os grupos que o desexen poden realizar unha visita guiada de martes a venres, en horario de apertura do Museo, contactando co Gabinete Didáctico: tlf. 986.804.100 extensión 42413 ou por correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es



Como complemento da documentación que se exhibe nesta exposición, móstranse nela catro vídeos que recollen a súa faceta de creador literario e o seu labor no Seminario de Estudos Galegos, no Instituto de Pontevedra e no Museo. Preséntanse aquí de forma resumida

Sexto Edificio. Do 24 de abril ó 24 de maio de 2015

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra