Alonso Montero presenta a Biografía intelectual de Filgueira

Actualizado 24/04/2015 00:00

museo de pontevedra

Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual, é o título do libro de Xesús Alonso Montero, editado por Xerais, que se presentará o luns 27 de abril ás 20 horas no salón de actos do Sexto Edificio

No acto de presentación intervirán, ademais do autor, Ana Isabel Vázquez, Astrid Filgueira, Fernando Filgueira, Carlos Valle e Manuel Bragado.

É esta a biografía do noso último polígrafo. Versado en moitos saberes humanísticos, cómpre salientar, da rica e caudalosa bibliografía de Xosé Filgueira Valverde, os seus estudos literarios, nomeadamente os centrados na lírica medieval galega. De 1935 data a súa tese de doutoramento sobre a Cantiga CIII de Afonso X, monografía exemplar no seu tempo dentro dos estudos de Literatura Comparada. Fóra do ámbito galego, é autor dun gran libro sobre Camões e de estudos valiosos sobre Cervantes, Góngora, Paul Claudel… Nesta Biografía intelectual non se elude a actitude, nos anos da Guerra Civil e seguintes, de quen foi dirixente do Partido Galeguista de 1931 a 1933, e de quen, xa fóra do Partido, vota SI no plebiscito de autonomía do 28 de xuño de 1936. Do que se trata é de «entender» o seu comportamento neses convulsos anos (e o doutros: Vicente Risco, Álvaro Cunqueiro…). Desde 1942 ata a súa morte, Filgueira Valverde foi, ó seu xeito, «un obreiro da Causa galega», como diagnosticara Alexandre Bóveda en 1935. A inxente, valiosísima e polifacética bibliografía de Filgueira Valverde é un dos grandes capítulos da cultura galega da Galicia moderna e contemporánea.

Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928), catedrático de Literatura na Universidade de Santiago de Compostela e presidente da Real Academia desde 2013, é filólogo, tradutor, conferenciante e autor de numerosos libros, estudos e traballos relacionados coa lingua e a literatura galega.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra