Domingos Musicais no Sexto. José Antonio Delgado

Actualizado 27/04/2015 00:00

museo de pontevedra

O domingo 3 de maio, ás 19:30 horas, o cantautor gaditano José Antonio Delgado ofrecerá un concerto no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, dentro do ciclo Domingos Musicais.

José Antonio Delgado Millán nace en Villamartín (Cádiz) en xullo de 1978. É diplomado en Educación Social pola Universidade de Málaga, cidade na que tamén desenvolve maioritariamente a súa carreira musical.

Foi gañador de diversos certames nacionais de canción de autor, como: Certamen andaluz de canción de autor, en decembro do 2002, organizado polo IAJ (Instituto Andaluz de la Juventud); Concurso Espacio Libre, en Granada, e II de Cantautores Pay-Pay, en Cádiz, en 2003; Certamen Nacional de Cantautores Ruta del Tempranillo, en 2004; Certamen Nacional de Jóvenes Cantautores de Burgos (do que ostenta outros dous segundos premios nos anos 2003 e 2008), El Olivar de las Palabras, en Almensilla-Sevilla, en febreiro de 2008, e o I Certamen Nacional de Cantautores de Aguilar de la Frontera, en Córdoba, en 2009.

Ten gravados tres discos. O primeiro, autoproducido, leva o nome do propio artista. O segundo, Mareado, é unha produción de DodeMusic. E o terceiro, Perdiendo Altura, baixo o selo Odeón, de Ediciones Aljibe. Todos eles foron dirixidos, arranxados e producidos musicalmente polo mestre Joaquín Calderón.

Delgado compartiu escenario con músicos da altura de Antonio Vega, Javier Ruibal, Jorge Drexler, Luís Pastor, Leo Minax, Carlos Chaouen e Vanesa Martín, entre outros. As influencias máis directas deste novo cantautor van desde o pop actual ata o flamenco e o jazz. Nas súas cancións trata aquelas pequenas cousas cotiás, valores e paixóns humanas e especialmente, o amor pola vida.

A entrada será libre ata completar aforo.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra