Exposición Pontevedra no obxectivo. 12 fotoxornalistas

Actualizado 28/04/2015 00:00

museo de pontevedra

Esta mostra nace coa intención de que os pontevedreses coñezan ós 12 fotoxornalistas que poñen cara e paisaxe cada día as noticias que centran os nosos faladoiros.

A clave do seu traballo céntrase hoxe, non só en estar no lugar da noticia para capturar o instante preciso, ou na habilidade no manexo duns instrumentos dixitais ó alcance de todos, senón na súa capacidade para contar unha historia, transmitir a angustia, a desolación, a alegría, a solemnidade ou a tenrura dun instante fugaz nunha única fotografía.




Ramón Capotillo

Ferrol, 1970

Ramón Capotillo traballa para La Voz de Galicia desde o século pasado.

Javier Cervera-Mercadillo

Pontevedra, 1977

Diplomado en Turismo, introdúcese no mundo da fotografía algo tarde, pois non será ata o ano 2001 cando curse os seus estudos de Imaxe e Son en Vigo. Cando termina realiza as súas prácticas no Diario de Pontevedra, ó que segue vinculado ata hoxe xa de maneira profesional.

Yael Domínguez

Buenos Aires, 1976

Tras a súa chegada a España desde a súa Buenos Aires natal traballou ininterrompidamente como fotoxornalista, primeiro para Faro de Vigo e Diario de Arousa e posteriormente para o Real Club Náutico de Sanxenxo. Desde 2010 é a fotógrafa oficial do Gabinete de Prensa da Deputación de Pontevedra.

Rafa Fariña

Pontevedra, 1964

Fotógrafo de vocación e formación autodidacta, comezou a traballar en prensa no Diario de Pontevedra en xullo de 1995. Na actualidade é o responsable de fotografía deste xornal.

David Freire

Pontevedra, 1971

Licenciado de grao en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e técnico superior en Fotografía pola Escola de Artes e Oficios Pablo Picasso da Coruña. Tras varios anos como freelance, en 2004 comezou a traballar no Diario de Pontevedra, xornal no que segue exercendo o seu oficio.

Ramón Leiro

Cerdedo, Pontevedra, 1966

Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela, compaxinou estes estudos cos de Imaxe na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo da mesma cidade. Desde 1991 traballa como fotoxornalista en La Voz de Galicia.

Mónica Patxot

Madrid, 1977

Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, o seu interese pola fotografía xornalística permitiulle obter unha bolsa na delegación de La Voz de Galicia en Santiago de Compostela. De volta en Madrid traballou para diferentes medios ata a súa entrada en Diario 16, que compaxinou coa actividade docente na universidade. Posteriormente tamén traballou no diario Público desde a súa apertura ata o seu peche. Na actualidade é fotoxornalista en Pontevedra Viva . As fotografías expostas son unha mostra desta última etapa en Pontevedra.

Gustavo Santos

Buenos Aires, 1968

Tras estudar Xornalismo comezou a interesarse pola fotografía, na que atopou un medio máis directo para comunicar. Logo de tres anos de formación ingresou nun estudio de cinema e fotografía publicitaria. Durante catro anos dedicouse á imaxe comercial ata que emigrou, e cando chegou a Pontevedra reencontrouse co xornalismo. Desde 2001 colabora permanentemente con Faro de Vigo.

Alba Sotelo Leal

Bueu, 1988

Licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, cursou un máster en Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuais na mesma universidade. Traballou como guionista, cámara e montadora para diversas entidades e produtoras como CRTVG ou Artemática S. L. e actualmente colabora ou, como ela di, milita na produtora Hipotálamo Films con Fran Estévez.

Ademais, traballou como fotoxornalista para o Diario de Pontevedra e colabora en proxectos humanitarios.

Diego Torrado Moledo

Pontevedra, 1984

Fotógrafo freelance desde o ano 2008, traballou en diferentes ramas da fotografía realizando reportaxes sociais, vodas, catálogos e fotografía de estudo ou de produto. Nos últimos anos dedícase en exclusiva á fotografía de prensa en todos os seus ámbitos. Actualmente colabora en Pontevedra Viva.

Rafa Vázquez

Pontevedra, 1971

Autodidacta, fillo e neto de fotógrafos, comeza a súa actividade profesional como fotoxornalista en xaneiro de 1999.

Colaborou con diversas publicacións nacionais, tanto en revistas especializadas como Las fuerzas armadas, Aplausos, + balonmano ou Así son las cosas, coma nos diarios El Mundo, El País ou Marca. Tamén colabora con diferentes axencias de noticias deportivas e xerais.

A súa actividade profesional habitual desenvólvea en Faro de Vigo.

Miguel Vidal

Pontevedra, 1968

Comeza no mundo da fotografía en 1990. En 1994 empeza a traballar como xefe de fotografía no Diario de Pontevedra, ata novembro de 2003.

Ó mesmo tempo, desde o ano 1999 ata a actualidade, traballa como fotógrafo de prensa para a Axencia Reuters, para a que realiza algúns dos seus traballos máis recoñecidos. Estes foron publicados en xornais e revistas de tirada nacional e internacional coma El País, El Mundo, ABC, La Vanguardia, La Voz de Galicia, Sun, Daily Mail, Daily Mirror, Los Angeles Times, New York Times, Washington Post, Time ou National Geographic, entre moitos outros.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra