Presentación do libro El Lenguaje de la imagen gráfica, de José Roselló Valle

Actualizado 08/05/2015 14:00

museo de pontevedra

O mércores 13 de maio ás 20 horas, José Roselló Valle presentará o seu libro El lenguaje de la imagen gráfica no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

A linguaxe da imaxe, a facultade de debuxar, é inherente á condición humana. Desde esta premisa, José Roselló desenvolve a súa teoría sobre a autoexpresión gráfica como medio de comunicación e a importancia do respecto e estímulo da creatividade persoal.

O libro, editado polo Servizo de Publicacións da Deputación de Pontevedra, está dividido en dúas partes que tentan achegarnos ós conceptos de debuxo e deseño e resaltar a importancia da comunicación visual. Na primeira, avalíase a situación actual que sofre o Debuxo no ensino e defínense e analizan, desde un punto de vista histórico, diversos conceptos: linguaxe gráfico-plástica, deseño, arte, mensaxe... Na segunda, defínese e delimita o concepto “debuxo” e explícanse cales son todos os elementos que interveñen na imaxe gráfica. Todo iso acompañado de numerosas imaxes pertencentes a diferentes obras de arte que exemplifican a teoría exposta.

José Roselló Valle dedicou a súa vida ó ensino, é doutor en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid e catedrático de Debuxo da Universidade de Vigo. Exerceu como profesor en numerosos centros ó longo de cincuenta anos, entre eles a Escola Superior de BB. AA de Valencia, o Colexio Inmaculada e os Institutos Técnico e Nacional de Bacharelato de Marín, o INB Sánchez Cantón ou a propia Facultade de BB. AA de Pontevedra, onde desempeñou ademais diversos cargos no decanato.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra