Exposición Insectos xilófagos devoradores de madeira

Actualizado 15/05/2015 00:00

museo de pontevedra

A Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, coa colaboración da Deputación e o Museo de Pontevedra, expón unha mostra de fotografías de Insectos xilófagos devoradores de madeira.Poderá visitarse na sala de exposicións da Escola de Conservación e Restauración en Pontevedra (r/ Maestranza,2 ) desde o vindeiro 18 de maio, ás 19 horas, ata o 19 de xuño.

Desde tempos pretéritos, os artrópodos en xeral e os insectos en particular producen en nós unha inusitada fascinación, iso é debido a un bo puñado de elementos, sendo o aspecto máis singular, sen dúbida algunha, a súa inusitada e en ocasións sorprendente disparidade morfolóxica.

As fotografías de insectos xilófagos realizadas por Rafael Estévez Rodríguez amosan con máximo detalle o seu atractivo colorido e formas, dun xeito imperceptible a simple vista. Non obstante, e pese a súa beleza, debemos lembrar que o ataque destes insectos constitúe unha das máis graves causas de degradación dos bens culturais en madeira.

Os insectos son a maior poboación de seres vivos sobre a terra. Dos case 200 millóns de insectos por cada ser humano que existen, só unha pequena parte son xilófagos, isto é, se alimenta de madeira, e destes só uns poucos de madeira seca. Non obstante e grazas á súa alta especialización, capacidade sensorial, alta fecundidade, pequeno tamaño e mobilidade, as pragas son unha ameaza constante para as coleccións.

Para previr os danos producidos polos insectos xilófagos, hainos que coñecer, ter presentes as condicións climáticas favorables para o seu desenvolvemento, que coinciden no caso particular de Galicia, e saber cando e como acontecen os ciclos das súas vidas; entón poderanse cambiar algúns parámetros que, como a humidade, dificultarán a súa aparición e extensión.

O horario de visita é de 17 a 21 h. Realizaranse visitas guiadas a grupos, en horario de mañá ou tarde, previa cita telefónica (986 86 12 51). A entrada é de balde.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra