Conferencia de Marta Riera sobre a ilustración de moda en España

Actualizado 18/05/2015 00:00

museo de pontevedra

O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá a conferencia que Marta Riera ofrecerá o xoves 21 maio ás 20 horas, que levará por título “Ilustración de moda en España: unha aproximación ó xénero”.

A charla xirará en torno ó libro publicou en 2014 coa editorial Comanegra, 200 años de ilustración de moda en España, tese doutoral que recibiu o Premio Extraordinario de Doctorado en 2013 da Universidade de Vigo e que repasa o papel da ilustración como vehículo de transmisión de tendencias e propostas no campo da moda en España. Unha publicación de referencia que analiza a ilustración de moda no noso país a través da súa vertente histórica e artística.

A obra comeza analizando a orixe das primeiras representacións do traxe, fundamentalmente a través das coleccións de traxes e da prensa ilustrada costumista, para posteriormente estudar os gravados de modas (fundamentalmente francesas) das primeiras revistas femininas. O Art Decó é analizado en profundidade a través das ilustracións en prensa e publicidade, ó supoñer a primeira gran colaboración entre arte, moda e ilustración. É entón cando ten lugar a idade de ouro da ilustración cunha impresionante lista de artistas que atopan na prensa o seu ámbito de creación.

Cara a década dos 50 do século XX o debuxo entrou en crise como consecuencia da imposición da fotografía, e aínda que se percibe certo espertar na década dos 80, nunca recuperará o seu status anterior. A situación actual da disciplina en España estúdase a partir das manifestacións máis recentes, ilustracións que atopamos tanto na prensa como aplicadas a diversos soportes, algúns novos e outros recuperados: prensa gráfica, publicidade, beleza ou decoración, así como a través das novas canles de comunicación e das entrevistas realizadas a creadores xa consolidados profesionalmente.

A obra inclúe preto de 240 ilustracións, a maioría a cor. Ó tratarse dunha investigación tan exhaustiva inclúense dende gravados do século XVI ata ilustracións contemporáneas. O peso visual resulta fundamental, podendo percorrer a historia da disciplina nunha rápida ollada.

Marta Riera Táboas (Vigo, 1971) é profesora na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde imparte clase nos Estudos Superiores de Deseño e Moda de Galicia (ESDEMGA), título propio da Universidade de Vigo. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Sevilla e graduada en Deseño Gráfico en Florencia (Palazzo Spinelli).

Complementa o seu labor docente coa súa vocación polo debuxo e a ilustración; os seus traballos neste campo están expostos na web martariera.com. Publicou distintos libros ilustrados, así como contos breves e debuxos en revistas infantís.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra