Presentación do libro de Mª Luisa Fernández, La mirada de Ángel. Diario de la madre de un niño con autismo

Actualizado 22/05/2015 00:00

museo de pontevedra

O Sexto Edificio do Museo acollerá o próximo 28 de maio ás 20 horas, a presentación do libro La mirada de Ángel. Diario de la madre de un niño con autismo, de María Luisa Fernández.

No acto de presentación acompañarán á autora, a deputada de Cultura, Ana Isabel Vázquez, Patricia Branco, xerente da Fundación Autismo Galicia, e María Lemos, coordinadora da Asociación Participa para a Inclusión Social.

Luisa, a autora e nai de Ángel, nunha visión retrospectiva, narra en presente as súas experiencias ó longo do crecemento do seu fillo ata a idade adulta, transcribindo unhas marabillosas cartas que comezou a escribirlle cando tiña dous anos e medio. A través delas, vai describindo as súas vivencias e as da súa familia nas distintas etapas polas que vai pasando. Na primeira carta, escrita cando se recobrou a calma, cando a nova situación se normalizou, xa se enxerga a mensaxe que transmite este libro, unha mensaxe de optimismo realista, que se irá confirmando a medida que se suceden os anos.

María Luisa Fernández (Bilbao 1957). Nai de dous mozos, Sofía, responsable, sensible; e Anxo, protagonista do seu libro, alegre, de bo carácter, con diversidade funcional (lesión cerebral e autismo). Vinculada a Aspanaes e á Fundación Autismo Coruña e comprometida cos seus valores, foi durante oito anos secretaria do padroado da fundación tutela. A autora desexa, a través de La mirada de Ángel, contribuír a recoñecer o valor e a dignidade das diferenzas, mirando con naturalidade, sen medos, sen prexuízos, como miran os nenos.

A autora e o ilustrador cederon a totalidade da súa remuneración por dereitos de autor en favor da Asociación ASPANAES que atende a persoas con autismo, e á Asociación PARTICIPA. A asociación destinará o seu proxecto de atención a nenos orfos con minusvalía en Addis Abeba, Etiopía, a parte que lles corresponda. O proxecto de Atención Socio Sanitaria a nenos con Necesidades Especiais leva funcionando cinco anos en Addis Abeba.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra