Exposición Vestidos con pincel, cosidos con agulla. Traxes tradicionais galegos

Actualizado 10/06/2015 00:00

museo de pontevedra

Desde o 12 de xuño ó 2 de agosto pódese visitar no edificio Sarmiento esta mostra que fai un percorrido pola historia e evolución do traxe tradicional e a súa representación na pintura.

O proxecto expositivo, comisariado por José Luis Rodríguez , presidente da Asociación Cultural Gaiteiros Os de Algures, combina a elaboración de traxes tradicionais e a reprodución de fondos do Museo de Pontevedra. As pezas dos traxes foron confeccionadas a imitación das que se representan nunha selección de obras pertencentes e expostas no Museo, todo iso completado con paneis explicativos con información detallada.

Deste xeito o público poderá apreciar, coñecer e afondar nas pezas do traxe tradicional, observándoos ó vivo e asociándoos ó seu tempo e uso, grazas ó contexto pictórico ó que fan referencia.

O paralelismo entre o traxe galego e o mantemento das tradicións galegas, tanto en Galicia como na diáspora, radica nalgunhas das súas características: infunden ás comunidades e os grupos un sentimento de identidade e de continuidade; promoven o respecto pola diversidade cultural, transmítense de xeración en xeración; son recreados constantemente polas comunidades e grupos no seu ámbito e na súa historia; están cargados de símbolos de expresión popular e axudan ó respecto mutuo entre comunidades, grupos e individuos.

Os traxes tradicionais, incluídos dentro do patrimonio cultural inmaterial, experimentaron numerosos cambios desde a súa orixe adaptándose ós gustos e necesidades de diferentes épocas, de maneira que non podemos dicir que haxa un único modelo de traxe que sexa definidor do mesmo ó longo da historia. A partir do século XIX, sucédense unha serie de acontecementos históricos que levan a unha busca da identidade, nacendo a preocupación por investigar todo o que ós pobos lles é propio. A respecto do vestir, o traxe do século XVIII e XIX, converterase en arquetipo do traxe tradicional, doadamente identificable a primeira vista. Os patróns, a confección e as técnicas e materiais de bordado poden resultar moi semellantes pero, ó mesmo tempo, moi distintas entre as diferentes comunidades ou pobos, variacións debidas á súa funcionalidade.

VISITAS GUIADAS

Todos os venres ás 19h o Gabinete Didáctico realizará visitas guiadas a esta mostra. Non será precisa inscrición.

OBRADOIROS INFANTÍS

Como complemento da exposición o público infantil pode participar no obradoiro Viste o teu cadro! que será impartido por persoal de creAPPcuentos.

Na actividade os nenos traballarán e xogarán coa aplicación informática elaborada por creAPPcuentos coa que poderán crear os seus propios cadros colocando as pezas de traxe tradicional galego axeitadas para os personaxes.

CreAPPcuentos é unha ferramenta informática que naceu en Galicia hai poucos anos para crear contos e historias de forma sinxela e divertida. Leva acadado importantes premios e recoñecementos a nivel nacional e internacional e os seus personaxes son cada vez máis coñecidos entre o público, desde pequenos a maiores.

Os nenos e nenas que queiran participar teñen que elixir unha das seguintes quendas:

Sábados 13 de xuño, 20 de xuño e 4 de xullo:

- 11:30 – 13:00 h. Nenos e nenas de 5 a 8 anos

- 17:30 – 19:00 h. Nenos e nenas de 9 a 12 anos

Domingo 28 de xuño:

- 11:30-13:00. Nenos e nenas de 5 a 12 anos

O máximo de participantes por quenda será de 10.

Hai que inscribirse previamente na Secretaría do Museo: secretaria.museo@depo.es, teléfono: 986804100 – ext. 42436.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra