Domingos Musicais no Sexto. Sheila Patricia

Actualizado 05/06/2015 00:00

museo de pontevedra

O domingo 14 de xuño ás 19:30 h, Sheila Patricia será a encargada de pechar esta tempada do ciclo Domingos Musicais no Sexto Edificio, organizado polo Museo. Éstará acompañada do pianista Gabriel Peso.

Sheila Patricia é unha cantautora e intérprete nacida en Asturias en 1988, aínda que toda a súa vida transcorre no sur de Galicia.

As súas raíces familiares musicais e escénicas encamiñaron dende nova a súa vida cara ó mundo do espectáculo. A influencia da súa nai, escritora e músico, e o seu pai, músico cantautor fixeron que os seus primeiros pasos estivesen acompañados de numerosos encontros con artistas de diferentes disciplinas e nacionalidades, do tamaño de Rafael Amor, César López, Pedro Luis Ferrer, etc.

Recibe clases de solfexo, técnica vocal e canto moderno ademais de guitarra española, o que dá lugar á composición das súas propias cancións. A súa formación musical compleméntase con estudos de frauta traveseira, estudos recoñecidos pola Royal School of Music, de Saxofón, música tradicional galega, gaita e canto tradicional. Tamén se forma en danzas tradicionais.

Viaxa a Cuba en numerosas ocasións a partir do ano 2000, permanecendo no país longas tempadas, alí gravará con 15 anos a súas primeiras demos Ámame e Distancia, composición propia da autora. Posteriormente participa na banda sonora para a película galego-cubana Sempre Habana, levándoo a diferentes medios como a TVG.

Con 17 anos crea Bela Lúa grupo afeccionado que fusiona o folk galego con música melódica onde ocupará a voz solista, frauta traveseira e acompañante coa guitarra nalgúns temas. Participa en diferentes eventos como solista, en certames e festivais en numerosos pobos das catro provincias galegas. Ós 20 anos trasládase a Compostela onde se dedicará á súa formación en Danza. Alí levará a cabo diferentes proxectos integrando música e danza Saudades da terra ou Amazonas onde actuará como bailarina, cantante e coreógrafa.

Entre 2012 e 2013 traballa como voz solista no proxecto The magicmusic interpretando estándares de jazz, Bossa, Fados e música internacional. Participa no proxecto Compostela Actúa dentro do Coro Moderno baixo a dirección de Pablo García. En 2014 involúcrase no proxecto Meu amigo onde se fusionan cantigas de Martín Códax con música moderna. Dende 2013 ata a actualidade dedícase a difundir o seu traballo como cantautora por diferentes puntos da xeografía española e latinoamericana. (Madrid, Galicia, Portugal, Asturias, Buenos Aires, Córdoba -Arxentina-, La Habana)

En 2014 resulta finalista no certame para Cantautores Santiautor en Santiago de Compostela e en 2015 no Certame de Jóvenes Cantautores de Burgos. Actualmente está a traballar na gravación do seu primeiro disco que bautizará como El camino de los sueños e verá a luz este ano 2015.

A entrada será de balde ata completar aforo.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra