Presentación do libro de Xesús Constela, Apoteose das perchas

Actualizado 08/06/2015 00:00

museo de pontevedra

O xoves 11 de xuño ás 20 horas, o Sexto Edificio do Museo acollerá a presentación do libro de Xesús Constela, Apoteose das perchas, organizada en colaboración co Ateneo de Pontevedra.

Xesús Constela retorna á narrativa cunha historia rocambolesca na que, embaixo da tona, se agocha unha lectura crítica sobre as aparencias e a identidade. Apoteose das perchas é unha novela breve na que prima o deseño de situacións aparentemente absurdas ou delirantes e na que todo parece estar ao servizo do ton humorístico.

O argumento céntrase nun personaxe curioso cargado dun sentimento de autoodio, derivado das súas orixes humildes, e fascinado noutrora polo ouropel da clase enriquecida que servía a bordo dun cruceiro que percorre as augas do Mediterráneo. A historia serve para despregar unha crítica, desapiadada nalgúns fragmentos, respecto da aparencia e das dobres identidades que, tantas veces, son quen de falsear a propia realidade malia que non sempre o consigan.

Xesús Constela (Ferrol, 1963), residente na vila de Poio, publicou até o momento o libro de relatos As humanas proporcións (Premios Torrente Ballester 2003 e da Crítica Española 2004), e as novelas Libro das alquimias (2007), Shakespeare destilado (Premio García Barros 2008) e 15.724 (2012), un argumento contra as oligarquías escrita cun enorme poder metafórico. Baixo o título de Como se fixo o primeiro alfabeto, publicou en 2008 unha adaptación de dous contos de Rudyard Kipling. Conta ademais con numerosos artigos e relatos publicados en xornais e revistas e entre os anos 2003 e 2009 foi colaborador habitual do suplemento ‘Nordesía’ do Diario de Ferrol.

Na presentación intervirán xunto ó autor, Xesús Constela -escritor e profesor-, a deputada de Cultura –Ana Isabel Vázquez-, Serafín Alonso Casás -xornalista do Diario de Pontevedra-, Miguel Toval -director de Edicións Embora- e Xaime Toxo -presidente do Ateneo-.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra