Nanas del mundo. Concerto de Begoña Salgueiro e Brais González

Actualizado 20/07/2015 00:00

museo de pontevedra

A soprano Begoña Salgueiro e o pianista Brais González ofrecerán un concerto o vindeiro 24 de xullo baseado nun repertorio de arrolos de música clásica. Será ás 20 horas no Sexto Edificio e con entrada libre ata completar aforo.

Nanas del mundo é un percorrido temático polas nanas marabillosas escritas en diferentes idiomas e compostas por famosos músicos clásicos como Falla, Strauss, Schumann, Montsalvatge, Brahms, Wagner, Britten, Lorca ou Dvorak.

Programa:

  • 1. Durme, durme. Nana sefardita
  • 2. Wiegenlied. KV350. W.A. Mozart
  • 3. Der Sandmann. R. Schumann
  • 4. Dors, mon enfant. R. Wagner
  • 5. Wiegenlied. J. Brahms
  • 6. E l´uccellino. G. Puccini
  • 7. Wiegenlied. R. Strauss
  • 8. Serenade. Ch. Gounod
  • 9. Dobrú noc, ma mila. A. Dvorak
  • 10. Wiegenlied D489. F. Schubert
  • 11. The nurse´s song. B. Britten
  • 12. Nana. M. Falla
  • 13. Summertime. G. Gershwin
  • 14. Canción de cuna para dormir a un negrito. X. Montsalvatge
  • 15. Nana de Sevilla. F. García Lorca

Begoña Salgueiro, soprano

Nace en Vigo. Comeza a cantar a idade moi temperá, trasládase a Madrid e posteriormente a Italia. Ten o privilexio de formarse con artistas de gran prestixio como M. Caballé, R. Scotto, M. Freni (subvencionada pola Fundación Kraus) ou M. Zanetti. Completa a súa formación artística cos directores de escena S. Gonella (Teatro Piccolo de Milán) S. Langridge (The Royal College de Londres) e G. de Mónaco. As súas inquietudes persoais máis alá da música lévana a licenciarse en Humanidades (San Pablo C.E.U) e en Filoloxía Italiana pola Universidade Complutense de Madrid.

Actuou en recoñecidos festivais como Are More, Espazos sonoros, Festival de Edimburgo, e en auditorios, salas, institucións e teatros como Teatro Real xunto a Prácido Domingo, Teatro da Abadía, Teatro Lope de Vega, Teatro Novacaixagalicia, Teatro San Genesio de Roma, Salón Teatro, Auditorio de Galicia, Auditorio Nacional de España, Auditorio Alfredo Kraus de Las Palmas de Gran Canaria, Auditorio de Vigo (é a primeira artista en estrealo xunto a Luz Casal), Círculo de Belas Artes de Madrid, Casa de Velázquez, World Fishing Exhibition, Parlamento Europeo, Basílica de San Pedro do Vaticano e tamén faino asiduamente en Francia, Italia, Portugal e EUA, sendo dirixida por importantes batutas. Foi premiada pola Fundación Orfeo e resultou finalista en numerosos concursos, tanto nacionais coma internacionais.

Brais González, piano

Nace en Vigo. Estuda na Universidade Mozarteum de Salzburg con Rolf Plagge e completa a súa formación con Severino Ortiz.

Foi galardoado en numerosos concursos internacionais, entre os que destacan o Concurso Internacional de San Sebastián, o Concurso Internacional Cidade de Ferrol e o Concours Nikolaï Rubinstein de París. Actuou como solista e acompañante en diversas cidades de España, Portugal, Francia, Holanda, Reino Unido, Alemaña e Austria.

Como compositor, as súas obras foron interpretadas polas orquestras da EPMVC (Portugal) e do Conservatorio de Música de Vigo, dirixidos polos mestres Christopher Bochmann e Javier Viceiro.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra