Exposición En (re)torno á paisaxe

Actualizado 21/07/2015 00:00

museo de pontevedra

Esta exposición recolle diferentes maneiras de achegarse a un dos xéneros «clásicos» da historia da arte desde a arte contemporánea, desde a postmodernidade. Coas tempestades románticas na retina e a luz impresionista no legado, doce artistas ofrécennos a súa visión sobre un retorno cara a paisaxe, un reencontro, unha sorte de complexidade que abarca conceptos como tempo, espazo, memoria e vínculo.

Nela veranse obras de Carla Andrade, Vari Caramés, Fernando Casás, Sara Coleman, Iago Eireos, Elena Fernández Prada, Ruth Montiel Arias, Carme Nogueira, Lois Patiño, Pamen Pereira, Jorge Perianes e Manuel Sendón.

A mostra está comisariada por Paula Cabaleiro e conta co seguinte programa de actividades e visitas guiadas:

ACTIVIDADES

PERFORMANCE INAUGURAL A CARGO DE ANA GESTO

La cuerva (Serie Antifonías)

23 de xullo de 2015. 20h (tras o discurso oficial de apertura)

Zona acristalada e sala de temporais do Sexto Edificio


WORK IN PROGRESS . PROCESO CREATIVO (COLABORATIVO) DO ARTISTA EN VIVO

S/T de Jorge Perianes

28 e 29 de xullo De 11 h a 14 h

Sala de temporais. Sexto Edificio

O artista Jorge Perianes estará traballando en directo na sala, nunha peza work in progress, proceso aberto á colaboración do público. Este proceso participativo está orientado especialmente a artistas e creadores que estean interesados en axudar ó artista na produción da peza e coñecer de preto o seu proceso de creación, ó mesmo tempo que discorre de forma aberta cara os visitantes da sala, que terán a oportunidade de ver o "estudio do artista" en vivo. Sen inscrición previa.


MESA REDONDA

"PAISAXES POSIBLES. Reflexións polifónicas sobre a paisaxe, o territorio e o espazo contemporáneos"

Interveñen: Fernando Casás, Federico López Silvestre, Manuel Sendón

Modera: Paula Cabaleiro

30 de xullo ás 20:30h

Salón de actos do Sexto Edificio


OBRADOIRO TEÓRICO-PRÁCTICO COA ARTISTA RUTH MONTIEL ARIAS

La naturaleza plastificada del siglo XXI

19 e 20 de agosto de 2015 (Dúas sesións)

De 11 h a 13:30 h

Sala de temporais. Sexto Edificio

Destinatarios: artistas e persoas interesada nas correntes de arte e natureza.

Prazas limitadas: 15 persoas (máximo). Inscrición previa na Secretaría do Museo: secretaria.museo@depo.es, teléfono: 986804100 – ext. 42436.

A primeira parte será teórica, e comporase dunha conferencia na que se plasmarán distintas expresións artísticas das cales a protagonista é a natureza e o uso que facemos dela. Tamén se mostrará a obra da artista máis vinculada ó tema e o proceso xestacional da mesma. Ó finalizar, comezarase un debate aberto no que se usarán as achegas da conferencia como base para iniciar os diálogos. A segunda parte será práctica, propoñendo unha especie de “tarefa” tras o primeiro día que terá o seu desenrolo e resultado final o segundo día. Contémplase saír ó exterior para o desenrolo de dita tarefa.


OBRADOIRO TEÓRICO-PRÁCTICO CO ARTISTA IAGO EIREOS

Fotografía Estenopeica

27 e 28 de agosto.2015

De 11 h a 14 h

Sala de temporais. Sexto Edificio + Pinhole Van (furgoneta laboratorio aparcada no exterior do Museo)

Destinatarios: artistas e persoas interesadas na fotografía estenopeica.

Prazas limitadas: 12 persoas (máximo). Inscrición previa na Secretaría do Museo: secretaria.museo@depo.es, teléfono: 986804100 – ext. 42436.

Este obradoiro instruirá ós participantes na comprensión da construción e funcionamento dunha cámara de fotos artesanal “estenopeica”. A particularidade deste taller ven dada polo uso de película fotográfica común, o que permitirá ós participantes experimentar todo o proceso fotográfico desde a fabricación da cámara, o revelado da película ata a seu positivado no papel, utilizando instrumentos mínimos e evidenciando que a fotografía é unha ferramenta accesible máis alá dos recursos materiais e económicos. Cada participante poderá realizar tomas coa súa propia máquina artesanal, que serán reveladas e avaliadas ó finalizar a experiencia.


VISITAS GUIADAS

VISITAS GUIADAS COA COMISARIA DA MOSTRA, PAULA CABALEIRO

14, 21 e 28 de agosto de 2015

Ás 12 h

Sen inscrición previa.


VISITAS GUIADAS POLO GABINETE DIDÁCTICO DO MUSEO

Todos os sábados non festivos

Ás 19 h

Sen inscrición previa

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra