Presentación do libro Errantes de José Sergio González Rodríguez

Actualizado 15/09/2015 00:00

museo de pontevedra

O xoves 17 de setembro ás 20 horas, Sergio González presentará o seu libro Errantes no Sexto Edificio.

A obra, publicada a través da editorial Taller del Poeta, de Fernando Luis Pérez Poza, é un conto que fai referencia ós nosos antepasados nómades e reflexiona sobre a reacción social que podería ter un grupo de homínidos se, dun momento para outro, un dos seus membros pasase a ser un dependente ou discapacitado. O pensamento do autor, cando formulou a historia, era especular sobre a idea de se estes seres xa contaban coa empatía o suficientemente desenvolta como para coidar e adaptar a súa vida ás novas circunstancias, ou se pola contra, o abandonarían, algo que ocorría incluso en épocas moi posteriores.

O conto, con ilustracións de Rafael J. Perdomo, está dirixido a nenos-adolescentes e pretende ser un alegación na defensa das sociedades plurais, xa que, independentemente das nosas capacidades e limitacións, todos podemos aportar o noso gran de area ó mundo.

No fondo o que o autor quixo tratar foi o tema da ética, o respecto e sobre todo a importancia de aceptarse a un mesmo e demostrar así que por cada discapacidade que podamos ter, posuímos moitas máis capacidades. Polo que a vida, sempre paga a pena.

Sergio González é un pontevedrés amante da súa cidade e a súa historia, interesado pola cultura e usuario da Asociación Amencer-Aspace (Asociación de Atención á Parálise Cerebral e Afíns). Errantes é o seu terceiro libro tras La vida es bella (2006) e Mi Rosa (2009), ambos os dous de poesía.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra