Exposición Senso Sublime. Sergio Portela

Actualizado 18/09/2015 00:00

museo de pontevedra

Desde o 23 de setembro e ata o 15 de novembro o Sexto Edificio será o marco da exposición Senso Sublime. Sergio Portela na que se presenta a obra deste artista nas súas facetas arquitectónica, pictórica, escultórica e fotográfica.

As pinturas, as esculturas, as fotografías e as maquetas de arquitectura intentarán achegarnos ó esforzo por conseguir obras ben feitas tanto na súa construción coma na súa mensaxe, para crearnos a conciencia de conseguir facer do mundo un lugar mellor onde vivir.

Faise tamén un percorrido polos procesos artísticos, especialmente na escultura, cunha clara intención didáctica de cara ó público neófito, e sobre todo o infantil, que poderá comprobar como se elabora dende unha idea ata o resultado final con todos os pasos necesarios, observando así o oficio na súa totalidade. Seguindo a tradición clásica o público internarase en cada un dos pasos que irán demostrando dende o modelado en barro e o talle directo, ata a fundición en bronce descubrindo todos os seus segredos.

Sergio Portela naceu en Madrid en 1970. De familia orientada no mundo da creación artística e técnica, como é o caso da arquitectura, esa sensibilidade visual e a concepción do espazo fan que desde a súa nenez navegue entre as ciencias e as artes sen actitude excluínte.

O seu método baséase na observación - relación e debido a un profundo desencanto co método regulado universitario decide formar a súa propia carreira artística nun acto de busca de información e realización de prácticas e experimentos que busca a través das súas moitas viaxes polo mundo.

O seu compromiso constante coa defensa da natureza e ser humano son proba dunha actitude ante a vida onde busca a beleza a través da verdade. O seu interese por investigar e coñecer todo levarao a tratar a obra dende moitas perspectivas distintas, conxugando arquitectura con escultura, pasando pola pintura e a fotografía. Fusionando todas as artes. A exposición Senso Sublime é un convite a unha viaxe emocionante...

VISITAS GUIADAS POLO GABINETE DIDÁCTICO DO MUSEO

Xoves ás 19 horas (a partir do 1 de outubro)

Sábados ás 19horas (a partir do 3 de outubro)

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra