Domingos Musicais no Sexto. Concerto de Luis Quintana

Actualizado 22/09/2015 00:00

museo de pontevedra

O domingo 27 de setembro chega unha nova edición do ciclo Domingos Musicais, coa participación do cantautor Luis Quintana. Será ás 19:30 horas no Sexto Edificio. A entrada é libre ata completar aforo.

Luis Quintana, canario de nacemento, adoptado por todos os sitios onde cheguen os seus acordes e a súa voz, leva tocando e cantando todo o que compón dende hai vinte anos.

É licenciado en Educación Física e deixou o ensino do deporte para converter a música no seu medio de vida, o que lle permite expresar todas as súas inquedanzas e pensamentos, a súa coherencia e a súa transparencia, virtudes fundamentais que son o espírito e o corpo dos seus temas.

Foi finalista de case todos os certames de canción de autor a nivel nacional (Cantigas de Mayo, Certame de Burgos, Certame de Elche...) e gañou moitos deles. Recentemente foi o gañador do XV Festival de Candelaria coa súa canción Tengo e do Piotemazo da UD. Las Palmas coa súa canción Amarillo es mi color. Actualmente encárgase da sección La Cantactualidad do programa Hoy por hoy Las Palmas na Cadena SER.

Trasladou a súa residencia a Madrid, o que obrigou ó circuíto de cantautores da capital a abrirlle o oco que xa gañara nas súas illas. Así, a súa vida é unha constante xira polo arquipélago canario, a Península, e o estranxeiro (Francia, México, Cuba...). No seu haber ten cinco discos, o máis recente leva por título Beinte años permiten una errata e foi gravado en directo para conmemorar os seus vinte anos na música.

Luis Quintana chega ó público cun repertorio cargado de vivencias e pensamentos nos que, inevitablemente e de calquera xeito, o público se sente reflectido.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra