En paralelo: Noites de literatura e cine

Actualizado 25/09/2015 09:00

museo de pontevedra

Andrés do Barro: unha vida de película é o titulo da xornada dedicada a esta figura mítica da Galicia dos anos 70 e 80 que se vai celebrar no Sexto Edificio o venres 2 de outubro ás 20 h. Nela Fernando Fernández Rego, autor do libro Andrés do Barro. Saudade, presenta a súa biografía acompañada de clips de son, vídeo e material orixinal.

Saudade é a primeira biografía oficial de Andrés do Barro, unha figura fundamental na historia do pop español e, sen embargo, pouco coñecida polo público hoxe.

Andrés do Barro foi o primeiro artista que acadou o éxito de masas en España cantando en galego colocando catro cancións no número un da lista de vendas.

Nesta biografía, Fernando Fernández Rego reivindica o pop melancólico con tinguiduras folk de Andrés do Barro como referencia ineludible da música galega e xénese do pop na súa lingua. Lonxe dos tópicos da canción lixeira, na súa discografía tamén se poden atopar moitas composicións próximas ó góspel, ó son americano e á canción de autor. Como se destaca no libro: "Andrés estaba más cerca de Bob Dylan, Nick Drake, Tim Buckley o Johnny Cash, que de María Ostiz, Juan Pardo o Manolo Escobar".

Saudade toma o seu título do sentimento que define a personalidade de Andrés, o catalizador das súas emocións e a súa forza creativa, e abrangue desde os seus inicios en Ferrol, pasando polo seu periplo por México e o seu regreso a España ata a súa morte en 1989. Repasa tamén a relación do músico coa censura da época, a súa meteórica carreira en RCA ou o seu polémico paso polo Festival Español da Canción de Benidorm. Prologado polo seu fillo, Andrés Lapique López, o libro inclúe un capítulo sobre os seus manuscritos inéditos cedidos pola familia e fai un repaso polas distintas iniciativas que lle renderon homenaxe ata hoxe.

Fernando Fernández Rego é licenciado en Química e mestre de ensinanza secundaria. É un dos administradores da web musical LaFonoteca (lafonoteca.net ) e escribe para a revista Mondosonoro. Publicou novela, ensaios, biografías, relato e poesía.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra