Presentación do epistolario de Carlos Maside. Correspondencia [1928-1958]

Actualizado 02/10/2015 00:00

museo de pontevedra

O martes 6 de outubro no Sexto, ás oito da tarde, celebrarase o acto de presentación do epistolario de Carlos Maside, editado por Alvarellos coa colaboración do Consorcio de Santiago.

En Correspondencia [1928-1958] recóllense 179 cartas do pintor Carlos Maside —a maior parte delas, inéditas— desde 1928 ata a derradeira, dous meses antes de falecer. A correspondencia, atravesada primeiro polo silencio da guerra e despois pola longa represión, reuniuna e transcribiuna a catedrática de Historia María Esther Rodríguez Losada, nunha edición ó coidado do catedrático de Filoloxía Galega Anxo Tarrío Varela.

Carlos Maside (Pontecesures, 1897-Santiago de Compostela, 1858) foi o indiscutible renovador da arte galega da primeira metade do século XX e mantivo, durante toda a súa vida, unha rica e continuada relación epistolar con gran parte da intelectualidade galega do seu tempo: a do exilio e tamén a do chamado “exilio interior”, tal era o seu caso.

Estas páxinas contan a historia íntima dun tempo e dun país. Cartas a Luís Seoane, a Castelao, a Federico García Lorca, a Bal y Gay, a Otero Pedrayo, a Isaac Díaz Pardo, a Cunqueiro, a Paz Andrade, a Fernández del Riego, a Laxeiro,… Recóllese a correspondencia de ida, e moitas veces tamén a de volta, entre a que destaca o fecundo e prolongado intercambio con Luís Seoane.

O volume complétase coa incorporación de fotografías e manuscritos nunca vistos ata hoxe.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra