Presentación do libro La decepción se pinta, de Carmen Castejón

Actualizado 05/10/2015 00:00

museo de pontevedra

O venres 9 de outubro, ás 20:00 horas, Carmen Castejón Cabeceira presentará o seu libro La decepción se pinta nun espectáculo poético-musical no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

La decepción se pinta consta de 26 poemas que se agrupan en tres grandes bloques: “De las primeras decepciones”, “Del método de vivir” e “De las consecuencias del programa amoroso”, nos que a autora, en clave autobiográfica, percorre etapas da súa vida. Está ilustrado por Elisa Bravo.

O libro, inédito desde 2008, edítao Discursiva.

Carmen Castejón Cabeceira (Pontevedra, 1964) é poeta, escritora e artista multidisciplinar e Embaixadora Universal da Paz en España, designada polo Círculo Universal de Embaixadores da Paz de Xenebra.

Cursou estudos de Piano e de Creación poética na Universidade de Alacante. Realizou cursos de arte dramática, de voz, de animación socio-cultural e de animación de grupo. Viviu en Marrocos, onde realizou estudos para o coñecemento da civilización árabe, e foi delegada da Asociación de Escritores e Artistas Españois (AEAE) en Alacante para a Comunidade Valenciana. Prestou a súa colaboración a medios de comunicación e diversas revistas de creación literaria e puxo en escena os seus versos en numerosas ocasións. Escribe nas súas dúas linguas: castelán e galego.

É creadora e directora da primeira canle de televisión en liña dedicada á poesía: PoesíaTV. Finalista en varias ocasións dos certames do centro de estudos poéticos e terceiro premio “Mulleres do Noso Tempo” de Cee (A Coruña). Publicou Poesía hacia la luz (ed. Cardeñoso-cuencos literarios 1993). Latidos tras las rejas (ed. Cardeñoso-cuencos literarios 1994), Antoloxía da Asociación Prometeo de Poesía “Tejedores de Palabras” 2005, ademais de distintos anuarios do Instituto de Estudos Valdeorreses entre os anos 1994 e 2009.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra