Presentación do libro Los últimos de Pasarón

Actualizado 09/10/2015 00:00

museo de pontevedra

O próximo 16 de outubro ás 20 horas, no salón de actos do Museo, terá lugar a presentación do libro Los últimos de Pasarón, escrito polo xornalista pontevedrés Xabier Fortes e prologado polo director do diario As, Alfredo Relaño, que tamén estará presente no acto.

A presentación coincidirá co 74 aniversario da fundación do Pontevedra C. F. (que nun ano celebrará as súas vodas de platino). De feito, trátase dunha crónica sentimental e moi persoal do club granate narrada a través dos ollos e dos ouvidos do autor, gran seareiro do histórico equipo pontevedrés.

O relato comeza co primeiro partido que viu en Pasarón con nove anos (un ascenso a segunda división en 1976), para narrar a continuación, a través de continuos saltos no tempo e cun estilo desenfadado e en primeira persoa, algúns dos episodios máis célebres do Pontevedra, sempre desde a visión dun afeccionado. Non é, polo tanto, unha historia cronolóxica e documental do club senón unha serie de estampas coloristas de feitos que en moitos casos permanecen tan só na memoria dos máis vellos seguidores.

O libro, de 118 páxinas, contén tamén varias fotografías do Pontevedra, algunhas delas inéditas, que permanecían agochadas en álbums familiares de antigos xogadores.

Antes da presentación terá lugar unha breve proxección de imaxes da época dourada do Pontevedra C. F. incluídas no documental Os anos do hai que Roelo de TVE.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra