Domingos Musicais no Sexto. Concerto de Diana Tarín

Actualizado 19/10/2015 00:00

museo de pontevedra

O domingo 25 de outubro, ás 19:30 h, a cantante e pianista Diana Tarín dará un concerto no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, dentro do ciclo Domingos Musicais no Sexto. A entrada é de balde ata completar o aforo.

Diana Tarín é o fiel reflexo da riqueza da cultura musical da súa Cuba natal. Filla e neta de músicos de renome na súa illa, con tan só 17 anos xa integraba a nómina de diferentes agrupacións femininas que viaxaron ó estranxeiro, principalmente a Europa, como vocalista, pianista e intérprete de percusión.

Despois de chegar a España como membro dun grupo de música tradicional asentouse na provincia de Pontevedra. Graduouse como pianista en Vigo ó tempo que colaborou en varias gravacións musicais, algunhas de ámbito internacional. Actualmente é profesora de música na escola Rock School Music CDM de Ponteareas.

Os seus músicos cualifícana de creativa e incansable. Podémola atopar xunto á súa banda en actividades benéficas, auditorios, festivais de jazz, salas de concertos, importantes actividades sociais e recoñecidos centros nocturnos e de ocio. Artista versátil, o seu universo musical é amplo e funciona ben coa familiaridade da tradición cubana, o jazz, pasando pola bossa nova, o funky, o soul, o bolero e a canción.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra