Espazos Sonoros. Concerto-presentación do libro Xan Tilve, Gaiteiro de Campañó

Actualizado 21/10/2015 00:00

museo de pontevedra

O día 28 de outubro, ás 20 h, no Sexto Edificio terá lugar a xornada de clausura do ciclo de concertos “Espazos sonoros” que estará centrada na figura do gaiteiro de Campañó, Xan Tilve.

A xornada enmárcase na celebración do Día das Letras Galegas dedicado este ano a Xosé Filgueira Valverde. Filgueira, que fora director do Museo de Pontevedra, foi sempre moi consciente do valor etnomusicolóxico dos seus fondos e, a comezos dos anos corenta, ordena e publica o Cancioneiro Musical de Galicia, compilado por Casto Sampedro. No Cancioneiro son moitos os músicos mencionados, mais é destacado o papel que se lles outorga aos vellos gaiteiros do sur de Pontevedra, entre eles Xan de Campañó, activo aínda naquela altura, unha figura emblemática na zona por ser o gaiteiro das marchas de procesión do Corpus.

Cos medios técnicos do estudio de Radio Pontevedra, Filgueira decide levar adiante unha gravación documental insólita e de gran valor etnomusicolóxico: a marcha do Corpus tocada polo gaiteiro de Campañó e comentada ao vivo en discos de acetato en dúas copias: unha para o arquivo da radio, ata agora perdida, e outra para o arquivo do Museo de Pontevedra que, felizmente, aínda se conserva. Dous anos despois morría o gaiteiro de Campañó.

En 1999, Ramón Pinheiro, actual director de a Central Folque, realiza un inventario dos rexistros fonográficos do Museo e promove a dixitalización do acetato de Filgueira e o gaiteiro de Campañó, seriamente estragado polo paso do tempo. Froito daquel traballo, a Central Folque vén de editar un libro disco no que leva a cabo o estudo sobre a figura do gaiteiro e a contribución de Filgueira á súa documentación sonora.

Coa presentación deste traballo ponse fin a unha edición máis do festival Espazos Sonoros no que se contará coa presenza de Xavier Groba, gran coñecedor dos fondos musicais da Colección Casto Sampedro e do papel que tivo a figura de Filgueira na súa divulgación. Pola súa banda, o gaiteiro Óscar Ibáñez será o encargado de recuperar os sons das antigas gravacións para devolvelas á contemporaneidade, interpretadas coa gaita orixinal de Xan Tilve, acompañada da formación típica no seu tempo, o tambor e o bombo.

Ver información completa sobre o ciclo en:

http://espazossonoros.org/files/6414/3713/5486/Catalogo_ES_15_revista_LQ.pdf

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra