Xornadas Filgueira Valverde na cultura galega do século XX

Actualizado 04/11/2015 00:00

museo de pontevedra

As primeiras sesións das xornadas Filgueira Valverde na cultura galega do século XX, coas que se pecha o ano dedicado a este persoeiro homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2015, terán lugar os días 10 e 11 de novembro ás 20 h, no Sexto Edificio.

Estas actividades están organizadas pola Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Museo de Pontevedra e a Fundación Barrié, institucións coas que Filgueira mantivo un estreito vínculo. Contan ademais coa colaboración da Consellería de Cultura.

Cada unha destas institucións acollerá un programa de ciclos de conferencias, mesas redondas e outros actos culturais ó longo do mes de novembro que se desenvolverán nas respectivas sedes en Santiago de Compostela, Pontevedra e A Coruña.

O Museo, do que o propio Filgueira foi promotor e director, acubillará as dúas primeiras mesas redondas, os vindeiros días 10 e 11 de novembro. Estarán dedicadas a Pontevedra, cidade na que naceu e viviu, e á pegada que este deixou nela.

A primeira mesa, Filgueira Valverde en Pontevedra, contará coa participación de Rafael López Torre, que abordará a vida política; Xermán Torres de Aboal, que repasará a vida educativa; e Xosé Carlos Valle Pérez, que falará da vida cultural. Actuará como moderador Fernando Filgueira.

Na segunda, baixo o título Pontevedra en Filgueira Valverde, intervirán Xosé Fuentes Alende, con "Historia e tradicións"; Xosé M. López Vázquez, con "Manifestacións artísticas"; e María Mercedes Álvarez Lires, con "Sarmiento", acompañados por Xosé Carlos Valle Pérez como moderador.

O programa continuará o martes 24 de novembro no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, o xoves 26 a Real Academia Galega celebrará o simposio dedicado ó homenaxeado do Día das Letras Galegas deste ano na Coruña e a sede da Fundación Barrié da Coruña, acollerá o venres 27 a derradeira xornada.

Ver programa completo en PDF

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra