Presentación do libro Xosé Filgueira Valverde, alcalde de Pontevedra (1959-1968). Aspectos educativos e culturais de Xermán Manuel Torres

Actualizado 15/12/2015 00:00

museo de pontevedra

O venres 18 de decembro, ás 20 horas, no salón de actos do Sexto Edificio terá lugar o acto de presentación do libro Xosé Filgueira Valverde, alcalde de Pontevedra (1959-1968). Aspectos educativos e culturais.

Xermán Manuel Torres reflicte nesta obra toda unha serie de asuntos de interese educativo, cultural, deportivo e outros que se xulgan importantes para comprender e poder valorar o labor de Xosé Filgueira Valverde como alcalde de Pontevedra (1959-1968). Para esta investigación manexou e tomou apuntamentos nos libros de actas dos Plenos do Concello de Pontevedra na etapa de Filgueira Valverde na alcaldía, que se custodian no seu Arquivo Municipal. Este traballo é unha parte dos materiais que está a utilizar para a confección da súa tese de doutoramento presentada no Departamento de Historia da Educación e Educación Comparada da Facultade de Educación da UNED.

Nesta publicación recóllense tamén opinións e valoracións de persoas relevantes sobre Filgueira Valverde na súa función como alcalde de Pontevedra e analízanse certos documentos históricos referidos a esta etapa. Ofrécese o listado de alcaldes de Pontevedra do tempo histórico da vida de Filgueira Valverde, así como unha bibliografía básica e fontes documentais para afondar no coñecemento do polígrafo pontevedrés, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas do ano 2015.

Quere ser tamén unha guía para investigadores e persoas interesadas na vida e na obra de Filgueira Valverde e na historia da cidade de Pontevedra.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra