Presentación do documental Manuel Quiroga, da produtora Portocabo

Actualizado 28/01/2016 00:00

museo de pontevedra

O xoves 4 de febreiro, ás 19:30 h, terá lugar no salón de actos do Sexto Edificio a presentación deste documental sobre o violinista pontevedrés, dirixido por Sandra Sánchez.

A entrada é de balde previa retirada de billetes no mostrador do Sexto Edificio.

Manuel Quiroga gaña con 19 anos o Primeiro Premio de Violín no Conservatorio de París, un dos alumnos máis novos en conseguilo. Este feito foi o trampolín que catapultou a súa carreira musical. Acompañado pola gran pianista Marta Leman, o seu estilo apaixonado e o seu porte de galán de Hollywood fano triunfar entre o gran público. Eloxios da crítica e xiras mundiais afianzan a súa fama. Comeza a lenda. Pero na cúspide da súa carreira, un accidente cambia o seu destino.

Esta é a sinopse do documental dirixido por Sandra Sánchez, nacida en Narón, A Coruña, en 1970. Estuda realización na Escola de Imaxe e son da Coruña, onde realiza unha serie de curtametraxes, onde destaca o documental Ven a Bens (1993). Rapidamente comeza a traballar para a industria audiovisual e inicia unha traxectoria extensa como directora, montadora e guionista de documentais en traballos como: Sueños desde el abismo, Aguiño, sobrevivir al Prestige ou series para a televisión como Moito mar.

En 2011 estrea a súa primeira longametraxe, Tralas luces, un proxecto do que asumiu a dirección, o guión, a montaxe e a fotografía e que se presentou na sección Zabaltegi Nuevos Directores do Festival de Cine de San Sebastián. Recibiu, ademais, tres premios Mestre Mateo, nas categorías de Mellor longametraxe documental, Mellor dirección e Mellor Montaxe.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra