VII exposición Arte e Solidariedade Proxecto Home

Actualizado 11/02/2016 00:00

museo de pontevedra

Do 18 de febreiro e ata o 6 de marzo permanecerá aberta ó público no Sexto Edificio esta exposición solidaria organizada por Proxecto Home Galicia e comisariada en Pontevedra por Antón Sobral e Taller Abierto.

A exposición pretende, por unha banda, amosar o respaldo que os artistas plásticos dan aos proxectos que, coma este, traballan para dar resposta a problemas sociais, como a drogodependencia, aínda sen resolver, e por outra, acadar fondos que contribúan á tarefa que desenvolve Proxecto Home Galicia.

Aínda que non se parte dun proxecto unitario de exposición desde o punto de vista artístico, si que o é polo feito de ter como soporte o sentimento solidario dos artistas que nela participan, pola atención que a Organización pon na calidade das obras doadas, co fin de estar á altura das pasadas edicións. Ademais, búscase potenciar a representatividade dos artistas nas diversas localidades onde a exposición estivo presente: Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Vigo, Lugo, Ourense e agora en Pontevedra, lugar onde dará peche esta VII exposición Arte e Solidariedade Proxecto Home .

XXV ANIVERSARIO PROXECTO HOME GALICIA

O 23 de xaneiro do ano 1990 botaba a andar en Santiago de Compostela o Programa Proxecto Home Galicia para a rehabilitación e reinserción social de persoas tóxicodependentes. Cumpridos 25 anos daquela data inaugural e contemplando con serenidade a traxectoria seguida, pódese observar por un lado o traballo persistente da Fundación Monte do Gozo – Proxecto Home que asumiu as rendas daquela iniciativa; o traballo das institucións sociais, públicas e privadas, que estiveron colaborando para que fose posible; o traballo dos equipos terapéuticos que durante este cuarto de século acompañaron os procesos de rehabilitación de milleiros de homes e mulleres; e moi especialmente o esforzo destes homes e mulleres, que apostaron por lle dar un cambio radical á súa vida, para vivila con saúde, responsabilidade e liberdade; ao lado do seu esforzo estivo, por suposto, o das súas familias, e o de centos, miles de voluntarios que desinteresadamente quixeron facerse presentes en tarefa tan altamente humanitaria.

Naquelas datas iniciais a Fundación Monte do Gozo – Proxecto Home propúñase, como marco de actuación, a creación de Centros de Proxecto Home en todas e cada unha das provincias galegas, para facilitar o acceso a este recurso de rehabilitación por parte de quen quixese servirse del. E este obxectivo está solidamente cuberto: en tódalas provincias galegas está presente Proxecto Home, e na Coruña e Pontevedra, estao por partida dobre.

Entre os actos que se programaron con motivo da celebración do XXV aniversario da implantación en Galicia de Proxecto Home destaca esta VII exposición Arte e Solidariedade Proxecto Home , na que participan os máis importantes autores do panorama artístico galego actual percorrendo as sete grandes cidades de Galicia, coma embaixadora dunha mensaxe de vida e de esperanza.

VER LISTA DE ARTISTAS PARTICIPANTES. PDF

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra