Presentación de Castelao en el arte europeo, de Siro López

Actualizado 12/02/2016 00:00

museo de pontevedra

Este libro é froito de 40 anos de traballo do debuxante e xornalista Siro López. Nel recóllese un conxunto de materiais para pensar e entender a Castelao editados, con rigor e minuciosidade, por Mª Vitoria Carballo Calero. Presentarase o 17 de febreiro ás 20 horas no salón de actos do Sexto Edificio.

Castelao é un autor fundamental no marco do debuxo e a caricatura, o humor, a literatura, a cultura popular e a política. O estudo da súa figura é unha fonte de información sobre a estrutura social galega, sobre a linguaxe popular, o seu sentido do humor e a ironía, sobre a súa retranca, a denuncia da inxustiza, o sarcasmo, tamén sobre a traxedia na súa máis dramática e extensa representación.

A edición deste volume levouse a cabo no marco dun proxecto de ámbito estatal titulado Castelao. Castelao. Obra gráfica. La construcción de un discurso estético, político y social (1910-1950), do que Mª Vitoria Carballo Calero é investigadora principal. Ese é un dos motivos que xustifica o uso do castelán no texto, ademais do intento de dalo a coñecer fóra de Galicia.

A obra organízase en varios apartados que poderían resumirse en catro: o primeiro versa sobre o Diario 1921 escrito polo rianxeiro tras ser pensionado pola Junta de Ampliación de Estudios para viaxar a Francia, Países Baixos e Alemaña. Unha segunda parte, a máis extensa e de maior alcance desde o punto de vista teórico, ocúpase do humorismo e a caricatura, distinguindo entre un e outra. Na terceira parte o autor leva a cabo un estudo pormenorizado, razoado e crítico de imaxes. Ocúpase tanto dos tres álbums de guerra Galicia mártir, Atila en Galicia (Valencia, 1937) e Milicianos (Nova York, 1938) como do álbum Debuxos de negros, As cruces de pedra na Galiza, As cruces de pedra na Bretaña, Os dous de sempre, Cousas, etc.

Por último un apéndice recolle dous textos inéditos do autor (“Castelao y L’Assiette au Verre” e “El concepto de `impresionismo’ de la línea en Castelao”) xunto cunha coidada selección de imaxes. Todo iso ofrece unha completa perspectiva sobre a gran figura das artes e as letras que foi Castelao.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra