Audicións de música clásica comentada 2016

Actualizado 03/03/2016 00:00

museo de pontevedra

O sábado 12 de marzo, ás 11:30 h no Sexto Edificio, iniciarase a sétima edición das audicións de música clásica comentadas, dirixidas e presentadas polo profesor Manuel López-Benito.

Este curso constará de catro ciclos: “Grandes obras da música clásica” e “A música en Galicia ó longo da historia” celebraranse no primeiro semestre do ano; “Momentos estelares da música clásica” e “Breve historia da ópera” terán lugar nos meses de outubro e novembro.

Como nos anos anteriores a asistencia é libre e gratuíta ata completar aforo. O horario é de 11:30 a 13:30 h.

PROGRAMA

GRANDES OBRAS DA MÚSICA CLÁSICA

Sábados, 12 e 19 de marzo e 9 e 23 de abril

Neste ciclo, continuación do iniciado a temporada pasada, escoitaranse completas e estudaranse en profundidade desde o punto de vista programático, estético, histórico e musical, as seguintes grandes obras da historia da música clásica:

Sinfonía nº 3 en Mi bemol maior Op. 55 "Heroica", de Ludwig van Beethoven

Concerto para violonchelo e orquestra en si menor Op.104, de Antonin Dvorak

Sinfonía nº 40 en sol menor K. 550, de Wolfgang Amadeus Mozart

Cadros para unha exposición, de Modest Mussorgsky

Sonata para piano nº 8 en la menor K 310, de Wolfgang Amadeus Mozart

Concerto para piano nº 5 en Mi bemol maior Op.73 "Emperador", de Ludwig van Beethoven

A MÚSICA EN GALICIA Ó LONGO DA HISTORIA

Sábados, 21 e 28 de maio e 4 e 11 de xuño

A música en Galicia representa un dos bens culturais máis xenuinamente identitarios e persoais da nosa terra. Desde os albores dos tempos “soan” en Galicia sons e cancións que, transmitidos de pais a fillos e continuamente fusionados con novas correntes musicais traídas polas sucesivas invasións, foron conformando un rico e marabilloso corpus musical galego. Chega con citar, a modo de breve mostrario, como Estrabón documentou moitas das danzas que se bailaban nas nosas montañas acompañadas de instrumentos de vento, ou que dicir da importancia do Camiño de Santiago e do Códice Calixtino. Salientable é tamén a excelente maridaxe poético-musical que representan as cantigas da lírica galaico-portuguesa medieval. Múltiples son os avatares ós que a música se viu sometida desde entón ata a actualidade.

Neste ciclo realizarase unha viaxe ó longo da historia da música en Galicia, que se iniciará naqueles albores comentados e rematará na actualidade.

A rica e variada música folclórica, outro dos tesouros que enriquecen a música galega será tamén obxecto de estudo nestas xornadas.

ABRIR PROGRAMA EN PDF

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra