Presentación do libro Camaño Xestido. Na procura dun mundo propio. Unha viaxe do barro ao branco

Actualizado 14/03/2016 00:01

museo de pontevedra

O mércores 16 de marzo ás 20 horas, no salón de actos do Sexto Edificio, terá lugar a presentación do libro dedicado a Camilo Camaño Xestido da autoría de Ramón Rozas.

Neste libro, o terceiro da serie denominada Cadernos de A Mangallona, faise un percorrido por medio século de creación de Camilo Camaño Xestido da man do xornalista, escritor e crítico de arte Ramón Rozas quen coñece en profundidade a filosofía e obra do autor. A través dun delicado e ó tempo profundo texto levaranos polo vasto e complexo mundo da actividade deste artista cangués e do conxunto de A Mangallona, epicentro da vida privada, sociocultural e artística de Camaño Xestido.

Camilo Camaño Xestido naceu en Coiro (Cangas) o 3 de xaneiro de 1951. Autodidacta de formación, é un apaixoado polo tratamento de espazos, arquitectura, deseño e creatividade plástica á que consagrou a maior parte da súa vida. É o fundador da Casa-Museo A Mangallona, onde se recollen e exhiben, ademais dunha selección da súa obra, creacións doutros moitos artistas.

Foi director da Casa da Cultura de Cangas, membro do Padroado Municipal do Patrimonio Artístico e Documental do mesmo concello e membro e fundador de colectivos de ámbito internacional como o galaico-luso GALUART-GRUPO 13, o galego-arxentino RAÍCES entre outros. Tamén ten participado como xurado e comisario de diversas exposicións e certames nacionais e internacionais.

Neste acto presentarase tamén a Fundación Casa-Museo A Mangallona que leva a cabo o labor de preservar este espazo e o que nel se acubilla.

Máis información sobre a Fundación neste PDF.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra