Obradoiro de gravado baseado na obra de Castelao

Actualizado 17/03/2016 00:00

museo de pontevedra

Con motivo da exposición Castelao artista, que se vai inaugurar o 1 de abril no Museo de Pontevedra, o Gabinete Didáctico quere achegar a todo o público a súa faceta como gravador nuns obradoiros de iniciación organizados en tres grupos de idades.

Nel traballarase cunha selección de obras de Castelao onde os nenos e as nenas son os protagonistas.

En total son tres obradoiros segundo grupos de idade: os nenos e nenas de 7 e 8 anos traballarán con pranchas de Polyprint Polyster, os de 9 e 10 farano cun irmán xemelgo do linóleo tradicional, o Softcut, e os maiores de 11 e adultos interesados, traballarán directamente con pranchas de linóleo tal e como facía Castelao.

Os obradoiros serán dirixidos por Manuel Caldeiro, do grupo En Volandas, quen trasladará ao Museo o seu taller itinerante de gravado no que non faltarán gubias, rolos, o tórculo, pranchas, tintas, etc.

Rematado o traballo cada participante poderá levar os bosquexos realizados e os estampados na prensa.

Participantes: un máximo de 15 por obradoiro. (Un total de 45)

Duración: dúas horas aproximadamente.

Datas: os sábados 9, 16 e 23 de abril.

Lugar: sala taller do Sexto Edificio.

Hora: de 11 a 13 h.

GRUPOS DE IDADE:

Nenos e nenas de 7 e 8 anos: Sábado 9 de abril

Nenos e nenas de 9 e 10 anos: Sábado 16 de abril.

A partir de 11 anos e adultos (non iniciados): Sábado 23 de abril.

INSCRICIÓN:

O prazo de inscrición rematará o venres 1 de abril. Pódese facer chamando ao teléfono 986 804 100 extensión 42413 ou na dirección de correo-e: gabinetedidactico.museo@depo.es (en horario de luns a venres de 8:00 a 14:30 h).

As prazas serán sorteadas publicamente o martes 5 de abril ás 10 horas no edificio Fernández López do Museo. A lista definitiva publicarase na web do Museo a partir do día 5 de abril e tamén poderá ser consultada no punto de información do Sexto Edificio.

Foron admitidos neste obradoiro todos os menores e persoas adultas que se inscribiron para participar nel, polo que non foi necesario realizar o sorteo previsto

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra